En portadaGalerías de fotosÚltima hora

As novas aplicacións construtivas da lousa e a biodiversidade na recuperación de escombreiras, analizadas en dous proxectos

Presentábanse no marco dunha xornada técnica organizada polo Clúster da Pizarra de Galicia e pola Fundación Centro Tecnolóxico da Lousa en Sobradelo

No eido da versatilidade da lousa como material construtivo e na recuperación das escombreiras existentes nas zonas productivas céntrase dous novos proxectos cuxos resultados se daban a coñecer na mañá do 29 de novembro no marco dunha xornada técnica celebrada no Centro Tecnolóxico da Pizarra en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) e promovida por esta mesma entidade e polo Clúster da Pizarra de Galicia.

O foro abríase coa intervención do presidente do Clúster, Víctor Cobo, quen aseguraba que “estes dous novos proxectos veñen a refrendar a firme aposta do sector da lousa de Galicia pola innovación e pola divulgación como elementos diferenciadores que nos permitan avanzar na competitividade”. Recordaba que ambos proxectos están subvencionado pola Consellería de Economía e agradecía a numerosa asistencia a estes acto.

Tamén interviñan na presentación Santiago Álvarez, xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria en Ourense, que destacou que “Ourense está á cabeza a nivel mundial na produción de lousa grazas ao gran esforzo dos empresarios”, e a alcaldesa de Carballeda, M. Carmen González, quen destacaba o valor e dinamismo do sector da lousa, así como a necesidade de seguir mellorando e avanzando.

O primeiro dos proxectos en expoñerse era o titulado “Caracterización tecnolóxica das lousas galegas como material de construción para outras aplicacións complementarias ás tradicionais de cubertas”, realizado polo enxeñeiro de minas Fernando López González-Mesones. “Existe un descoñecemento xeral do que é a lousa no ámbito da construción e o que se pretende con este proxecto é amosar as súas aplicacións construtiva máis alá do uso en cubertas”, indicaba.

E así o ponente referíase pavimentos dimensionados en exterior, interior e solos rústicos, aos pavimentos adoquinados e bordillos, aos aplacados dimensionados de fachadas en exterior e interior e rústicos, ao mobiliario urbano en exterior (bancos, mesas, asentos, etc.) ou as losetas biocompostas, entre outras.

Tras un pequeno descanso para un almorzo (servido pola Cafetería do Centro Social de Sobradelo), a xornada continuaba coa exposición do proxecto “Fomento da biodiversidade compatible coa actividade mineira nas explotacións de lousa”, a cargo de Luis Andón, director técnico do departamento de Medio Ambiente de Calfensa.

 

Luis Andón, un dos ponentes nas xornadas./ Foto: Carlos G. Hervella.

“O obxectivo é fomentar a biodiversidade nas escombreiras das minas de lousa. A biodiversidade ao final son os seres vivos, a microfauna, a fauna, a avifauna e con pequenas medidas correctoras de impulsión, utilizando sementes de plantas fructíforas, plantacións de especies vexetais de moita flor, melíferas, o que intentamos é acelerar os procesos naturais de colonización da microfauna neses espazos mineiros. E, ao final, facer compatible a actividade mineira coa biodiversidade, ese é o obxectivo final, e cremos que é posible cos primeiros resultados que nos dan. Hai que seguir unha pequena guía de boas prácticas ambientais no momento da extracción da lousa e de xeración das escombreiras, pero ao final é perfectamente compatible coa natureza”, sinalaba Andón.

Esta xornada técnica contaba coa asistencia de diferentes representantes políticos, entre eles rexedores valdeorreses como os de Vilamartín, Petín, A Veiga e Carballeda de Valdeorras, así como de representantes do ISSGA, do Colexio de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Ourense e de Galicia, do Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, de AEVA e dos sindicatos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button