A Xunta colabora co Concello de Chandrexa de Queixa nas obras de humanización para uso peonil dunha parcela municipal en Celeiros, na que se habilitará tamén unha edificación para uso recreativo, que suporán un investimento total de 235.947 euros.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinaban hoxe co alcalde do municipio ourensán, Francisco Rodríguez, o convenio para o desenvolvemento desta actuación, que se enmarca no Plan Hurbe do Goberno galego.
En concreto, a intervención céntrase na humanización para o seu uso como área peonil da parcela situada na estrada Trives-Chandrexa núm. 8, en Celeiros. Así mesmo, o proxecto contempla a construción dunha edificación de uso recreativo neste espazo. Esta humanización permitirá habilitar un novo espazo para a veciñanza onde celebrar feiras, actividades de lecer e deporte, reunións e esparexemento para os usuarios da residencia de maiores. Nesta área, o espazo central, aberto, servirá para actividades protocolarias e de zona de paso entre os distintos espazos. Outro dos espazos dotarase de céspede, para actividades de deporte e lecer, integrando a praza coa contorna. E noutra zona habilitarase un espazo de estancia.
Os traballos completaranse coa plantación de novas árbores, cadeiras e un banco para crear unha zona de faladoiro, unha mesa para actividades variadas como xogos, actividades manuais, así como a dotación dun aparcabicis.

En canto á edificación de uso recreativo, construirase a dúas augas con madeira, integrándose volumetricamente ás edificacións existentes. Permitirá actividades ao resgardo das inclemencias meteorolóxicas. As intervencións tamén inclúen a instalación dun sistema de iluminación LED para ampliar o seu uso nocturno, acometendo tamén as instalacións de pluviais e saneamento necesarias para a urbanización. Unha varanda dará continuidade entre os distintos espazos enmarcando as vistas cara ao encoro. O prazo de execución das obras é de 5 meses.
De acordo ao convenio asinado hoxe, o Goberno galego cofinanciará nun 70% estas intervencións, achegando un investimento de 165.163 euros, contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Chandrexa de Queixa achegará o 30% restante do custe das actuacións, 70.784 euros; realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.