CarballedaConcellosEn portadaÚltima hora

As piscinas de Sobradelo (Carballeda), unhas instalacións únicas que intregran natureza e ofertan multitude de comodidades

Veñen de abrir ao público nesta fin de semana con zonas renovadas e máis servizos, tal e como explica a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González

 

Son únicas por moitos motivos. Pero quizais o principal é a súa capacidade para integrarse na natureza, con auga natural do río (ademais de piscina de auga salgada e outra convencional) e mesmo mananciais, nun fermoso entorno fluvial, que posúe ademais todas as comodidades para nenos e maiores. As piscinas de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) veñen de abrir as súas portas ao público cunhas instalacións amplas, renovadas e coidadas ata o mínimo detalle.

 

 

As instalacións dispoñen de ata 5 piscinas diferentes, entre elas unhas naturais con auga do río Sil, filtrada de xeito natural co uso de plantas, otra área nova con auga salgada e jacuzzi e outra piscina (con auga clorada) situada nun fermoso recuncho, que moitos visitantes da piscina aproveitan para, despois do baño, poñerse a ler á sombra.

 

 

“As piscinas abrímolas o pasado venres e a verdade é que a xente que xa pasou por aquí, que foi moita na fin de semana, e iso que non se lle deu publicidade, quedou encantada”, destaca a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, que presentaba esta mañá as instalacións aos medios de comunicación. Así mesmo explicaba as obras acometidas para poñelas a punto este ano, no decurso das cales aparecía un manancial, que se incorporaba como un atractivo máis no complexo. “Iso retrasou algo a obra porque houbo que reconducilo e canalizalo nunha distancia considerable, como sempre, cun antigo canal cuberto de lousa”.

 

 

Este espazo de lecer dispón combina amplas zonas de área e céspede, bancos de lousa, así como fermosos espazos axardinados (coa participación do obradoiro) nos que utiliza con acerto materiais naturais e autóctonos como son a lousa (de diferente tipo), a rocha vermella de conglomerado e a madeira. E neles non falta a singular decoración de pezas en madeira que recrean elementos vexetais ou animais. “O xardín tamén o renovamos este ano, plantamos algunha oliveira, flores…”, continúa a rexedora.

 

 

As obras de mellora realizadas este ano supuxeron un investimento duns 120.000 euros, que asumía o consorcio de seguros, dado que as instalacións sufriron danos pola crecida do río no inverno.

Destas piscinas pode desfrutarse dende o pasado venres nun horario de 15h. a 21h. no cal tamén se conta cun servizo de cafetería.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button