Literatura, música, entnografía, deporte e socioloxía. Son as temáticas polas que transitan as producións ourensáns que poderán verse no marco do 19 Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). O contido destes proxectos audiovisuais adiantábase no primeiro dos “Cafés coa prensa” que se celebraban nesta edición do certame.
Así Luís Baños e Marcos Fernández fan unha dobre aportación ao festival. O primeiro participa con “Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros” e “A música medieval en Galicia, o tesouro esquecido”, mentres que o segundo achega “Eco113” e “¿Y tú que opinas?”. Pola súa banda Carlos Bermello presenta “Caixa Ourense. Historia de un ascenso” e Miguel Ángel López “Sons do entroido”.
No seu encontro coa prensa na mañá do 15 de novembro daban conta do proceso creativo de gravación e motivacións de cada un destes traballos e anunciaban vindeiros proxectos. Deste xeito, Carlos Bermello explicaba a xénese do seu documental “Caixa Ourense. Historia de un ascenso” e destacaba que con el pretende “homenaxear a Fito Arribas, o máximo impulsor do baloncesto en Ourense ao longo da historia”. Ademais apuntaba que, xunto con Luís Baños, está agora mesmo rodando “30 partidos, 30 victorias”, unha recompilación de testemuñas de históricos do baloncesto que agardan poder presentar na vindeira edición do Festival de Cine Internacional de Ourense.
Xunto a el, Luís Baños comentaba a importancia dos trovadores na sociedade de antano (que eran tratados coma bispos ou reis) e a enorme riqueza galega no to tocante á música medieval, sendo o noso un dos países con máis partituras desta índole a nivel europeo.
Pola súa banda, Miguel Ángel López, antropólogo de formación, resaltou o espectacular nivel sonoro do que goza a provincia e as súas tradicións, nas que “a riqueza superlativa de Ourense” se converte na protagonista de “Sons do entroido”. Neste proxecto documental abórdase esta festa. Ademais a gora Miguel Ángel atópase sumido no seu seguinte proxecto, que segue coa liña continuista de “Sons do entroido”, eludindo a palabra e indo cara ao grito e o ruído.
Ademais Marcos Fernández detallaba o proceso levado a cabo durante a gravación de “¿Y tú qué opinas?”, un proxecto de carácter sociolóxico onde, tras xuntar a persoas de diferentes idades, profesións e condicións sociais, lles propuxo dez preguntas sobre relacións humanas. A maiores o OUFF tamén proxecta outro traballo seu, a curta “Eco113”, na que aborda a temática do tempo pasado, o presente e o futuro.
O 19 OUFF erguerá o seu pano na tarde do 15 de novembro no Auditorio de Ourense coa estrea de “A Esmorga”.