EconomíaEconomíaÚltima hora

As xestorías administrativas galegas converteranse en puntos de información catastral a partir de xuño

 

As xestorías administrativas galegas, unha rede de case 600 despachos colexiados, van converterse a partir de xuño en Puntos de Información Catastral (PIC). A posta en marcha deste novo servizo dos GA comunicárona esta tarde na sede colexial na Coruña a presidenta do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia (GA), Pilar Otero Moar, e o presidente do Consello Xeral de Colexios de Xestores Administrativos de España, Fernando Santiago Oleiro, que se desprazou ex professo á comunidade galega para anuncialo.

A corporación galega e as súas delegacións na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo xa eran desde o pasado 31 de maio de 2021 Puntos de Información Catastral (PIC) aos que podían acceder os cidadáns para pedir certificados, pero agora dáse un paso máis e serán os propios despachos colexiados os que tramiten esta información, gañando en proximidade e rapidez, tal e como se informa dende o GA.

Documentación gráfica dos bens inmobles

Así as cousas, os xestores administrativos galegos poderán acceder ás aplicacións catastrais gráficas e ao asistente gráfico que permite a xeración de cartografía e a xeración do Informe de Validación Gráfica.

Tamén poderán asistir aos contribuíntes na elaboración de declaracións catastrais a través da Sede electrónica do Catastro. Dita asistencia comprende, ademais das actuacións concretas concernentes á propia declaración, a elaboración e inclusión na mesma da información gráfica correspondente ás alteracións inmobiliarias que lles foron encargadas.

Os colexiados tamén poderán presentar electronicamente na Sede electrónica do Catastro en nome dos interesados as declaracións catastrais correspondentes a aquelas alteracións inmobiliarias que lles sexan encomendadas. Tamén serán os que reciban as notificacións do catastro das peticións realizadas en nome dos seus clientes.

Entre as novas atribucións atópase a solicitude de certificados de persoas falecidas, un trámite que antes só podía realizar a administración e que agora se fai extensivo aos case 600 despachos colexiados existentes en Galicia.

Punto de Información Catastral telemático

O Colexio coordinará todos os trámites desde a súa sede da Coruña e nas súas delegacións de Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, ademais de velar polo uso da referencia catastral en todos os encargos profesionais realizados polos colexiados.

Back to top button