ConcellosÚltima hora

Así é o voto por correo nas eleccións municipais do 28 de maio

Ata o 18 de maio pódese solicitar o voto por correo nas oficinas de Correos ou de maneira telématica desde a web www.correos.es

Exterior dunha das oficinas de Correos.

 

O 28 de maio terán lugar as eleccións autonómicas e municipais en España. Con este motivo Correos adoptou todas as medidas organizativas necesarias para o correcto desenvolvemento das actividades que lle son encomendadas durante os procesos electorais e para a xestión do voto por correo.

Os electores que decidan votar por correo nas eleccións autonómicas e municipais poden solicitar ata o día 18 de maio (inclusive) o certificado da súa inscrición no Censo Electoral. A obtención deste certificado é requisito imprescindible para poder emitir o voto por correspondencia e pode solicitarse por vía telemática a través da web www.correos.es ou en calquera oficina de Correos de España, no seu horario habitual.

Solicitude de voto por correo telemática e en oficinas

Os electores poden solicitar o seu voto a través da web de Correos (www.correos.es), sen ter que acudir en persoa a unha oficina postal. Neste modelo de solicitude, que evita desprazamentos, os interesados deben acreditar a súa identidade mediante firma electrónica, aceptándose como sistemas de identificación válidos os certificados de persoa física recoñecidos polo Ministerio de Industria e o DNI electrónico (DNI-e).

Ademais, a solicitude de voto por correo pode realizarse en todas as oficinas de Correos de España. Esta petición debe ser realizada persoalmente por cada elector, salvo en caso de enfermidade ou discapacidade –acreditada mediante certificación médica oficial- que lle impida a formulación persoal da devandita petición. Neste caso pode ser presentada en nome do elector por outra persoa autorizada notarialmente ou consularmente.
No momento de formular a solicitude, os interesados deben acreditar a súa identidade presentando ante o empregado da oficina postal o DNI, Pasaporte ou carné de conducir orixinais.

Entrega en man da documentación electoral

Tras comprobar a inscrición dos solicitantes no censo, as Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral remiten os envíos coa documentación electoral (certificado de inscrición no censo, sobres e papeletas de todas as candidaturas) á dirección indicada polo elector na solicitude, con carácter certificado e urxente. Estes envíos iniciáronse o día 8 de maio e realizaranse ata o 21 de maio de 2023.

O carteiro de Correos realizará polo menos dous intentos de entrega desta documentación en man ao propio destinatario, deixando o aviso para que vaia a recollela á súa oficina en caso de non ser posible realizar esa entrega en man.

O persoal de Correos comprobará a identidade do votante mediante o DNI, Pasaporte ou Permiso de Conducir e anotará o número do documento identificativo dando fe da recepción dos sobres e papeletas coa firma da entrega por parte do solicitante.

 

 

 

Depósito do voto

O solicitante ten de prazo ata o mércores, 24 de maio, para depositar o sobre co seu voto en calquera oficina de Correos en toda España, no seu horario habitual de apertura.

Dada a celebración de días festivos en diferentes localidades de España en datas próximas ás eleccións autonómicas e municipais, recoméndase aos cidadáns que desexen exercer o seu dereito ao voto por correo que procuren non esperar ata o último día e que aproveiten a amplitude horaria das oficinas postais.

Tarxetas censuais e propaganda electoral

Ademais das xestións relacionadas directamente co voto por correo, a colaboración de Correos nas eleccións autonómicas e municipais esténdese tamén á repartición das tarxetas censuais e aos envíos de propaganda electoral, ademais das comunicacións a membros das Mesas Electorais, o envío aos Concellos da lista do censo, a recollida de documentación o día das eleccións etc.

Todas elas son obrigacións de servizo público que Correos ten encomendadas por ser o operador designado polo Estado para prestar o Servizo Postal Universal en España.

Artigos relacionados

Back to top button