Elección galegas 18F - 2024EntrevistasPolíticaÚltima horaVídeos

Mercedes González: “Somos persoas non só traballadoras senón que estamos entre a xente común e escoitamos todas as necesidades”

Esta barquense, cabeza de lista pola provincia de Ourense de Sumar Galicia, ten claro que “se lle imos dar a volta á Xunta non vai ser exclusivamente con BNG e PsdeG vai ter que ser co cemento de Sumar. Só así poderemos ter un goberno progresista”

 

Coa enerxía que a caracteriza, sempre disposta a pelexar por todo aquilo no que cre firmemente, especialmente contra as inxustizas, Mercedes González Pazos, funcionaria da Xunta, delegada sindical de CCOO e “avogada dos casos imposibles” afronta a última semana de campaña das eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro. E faino liderando a candidatura de Sumar Galicia na provincia de Ourense, todo un reto sendo a primeira vez que esta formación concorre aos comicios galegos e ela a primeira valdeorresa en liderar unha lista. “O feito de que unha persoa da comarca sexa quen dá este primeiro paso pode ser positivo porque posiblemente mellor que eu ninguén vai saber cales son as eivas que temos e tamén porque son unha persoa do común, non unha política como tal e creo que debemos confiar en nós mesmos e posibilitar o cambio”.

É vostede sindicalista e a primeira vez que se presenta ás listas ao Parlamento de Galicia, ¿cal é o motivo que lle leva a facelo?

O primeiro que me anima é saber que pertenzo a unha provincia na que a queixa faise nos bares e nos supermercados pero non se acaba de fortalecer nas urnas. Son funcionaria na Administración dende hai máis de 30 anos e pasei por diferentes consellerías, tiven moitos tipos de compañeiros e entéraste de que moita xente nunca deu ese paso de ir votar porque non se sente interpelada. É algo que me preocupa moito e isto non é máis ca continuación do meu activismo. Son unha persoa activa dende que teño uso de razón, miña nai dicía que era avogada das causas perdidas e é certo, sigo pelexándome por cousas nas que creo firmemente, sobre todo porque non soporto a inxustiza, que uns non poidan chegar ao mesmo punto que os demais, e iso é o que me trouxo aquí. ¿Por qué as provincias de Ourense e Lugo non poden desfrutar do mesmo xeito que se está a facer en termos xerais das políticas do goberno de coalición destes últimos 3-4 anos? Non entendo por qué unha provincia na que priman os pensionistas e os funcionarios non lle demos unha volta a 35 anos dunha Deputación que non leva feito nada e a 15 anos dun Goberno do que vimos ata astemia xa que non houbo intención de nada. Galicia está perdendo moito tren.

¿Que obxectivos se marcan dende Sumar Galicia nestes comicios?

Somos un partido laborista, un partido verde e un partido que defende a ultranza os servizos públicos, unha parte que vai estar sempre cortada polo feminismo porque a nosa ollada feminista é a que nos vai facilitar que este tipo de propostas e políticas, tanto na educación como na sanidade, nos coidados, Lei de Emerxencias ou na dependencia, teña un enfoque no que as mulleres non sexan sempre as perdedora da batalla, co que non só gañemos tempo senón estemos exactamente ao mesmo nivel que poidan estar os nosos compañeiros homes. Como fornecer os servizos públicos e como evitar que sigan morrendo e fornecéndose da privada por parte da Administración en educación, sanidade, dependencia,… Son cousas que calquera estamos a sufrir e deberiamos paralo.

Sumar parte de cero en Galicia, ¿como están plantexando a campaña?

Tal como se decidía dende o grupo promotor do que formo parte dende o principio, a idea era que tanto na provincia de Lugo como na de Ourense a candidatura fose comarcal, onde o medio rural tamén tivese peso, de aí que o meu compañeiro da Mariña Lucense e eu dende Valdeorras demos este paso. El ten experiencia e eu parto de cero dende a convicción de que calquera cidadán formado, informado e con criterio propio poida axudar a construír algo. O que non podemos é vivir para dentro, nos nosos pisos, e esquecer que somos seres comunitarios que temos que relacionarnos en sociedade e que o que lle pasa á persoa do lado tamén me afecta a min.

 

Mercedes González, cabeza de lista de Sumar Galicia por Ourense, na entrevista concedida ao Periódico O SIL./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Como a está vivindo vostede?

Igual non estou tan a pé de rúa pero en feiras hai de todo. Hai quen se ri, quen está esperando un bolígrafo que non temos porque somos simplemente nós, unha candidatura moi aberta pero que non ten un aval detrás. O que me apena é que á xente lle custe decidir o voto libremente. Tamén me fastidia que non creamos que unha suma de… poida posibilitar un cambio.

¿Cales son os aspectos do programa de Sumar Galicia que destacaría con respecto á provincia e especialmente á parte oriental?

Na provincia de Ourense enfocámonos sobre todo apostando por unha mobilidade sostible. Unha das grandes eivas que temos son as infraestruturas viarias e non é porque apostemos polo coche privado, ao contrario, en aras de intentar parar o cambio climático o que queremos e promover outras alternativas e por suposto volver facer uso do tren pero con sentido. Propoñemos unha mobilidade sostible que aposte polos trens de cercanías e volver abrir as estacións que se foron pechando.

Por outro lado apostamos polos empregos verdes nos que esta zona ten moitas posibilidades. Aí estamos coa idea de seguir promovendo enerxías fotovoltaicas, eólicas e tamén mini hidráulicas para que a enerxía que xeramos empece a reverter aquí. Tamén está o aspecto forestal, o movemento de terras para que as plantacións non sexan tan monocultivo. E por suposto apostamos por crear unha rede galega de coidados na que por un lado deixen de exitir as grandes residencias, traballando cos fogares de maiores (cun máximo de 5 usuarios) o que reverte en emprego directo na zona. Igual que coas casas niño, apostamos por crear centros de día no que conflúan maiores e cativos porque é positivo para ambos e enriquece cognitivamente, está demostrado que non so activa aos maiores senón que favorece a estrutura mental dos rapaces. Outra eixo é pensar na axuda a domicilio como un posto fundamental que ten que estar valorizado.

Un sector fundamental sobre todo en Valdeorras é o vitivinícola e hai unha parte das persoas que tampouco están suficientemente valorizadas, sendo clave a implantación deste ciclo na FP para que a xente nova que aposta por este sector na zona esté suficientemente pagada e poidamos seguir xerando expectativas de futuro. Importante para a zona de interior é asemade o nicho da sanidade. Non ten sentido que a xestión dos hospitais comarcais se esté a levar dende Ourense polo que reivindicamos de novo que poidan ser área, que leven adiante eses plans directores que tiñan e que teñan autoxestión.

 

Mercedes González Pazos./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Outro nicho de traballo que cremos posible é o da rehabilitación de vivendas no rural con fins sociais. Apostar pola creación de vivenda pública tanto para venda como para o aluguer. Nese sentido os obradoiros de emprego teñen que empezar a apostar por preparar á mocidade en oficios. Tamén debemos apostar polo produto local e pola agricultura rexenerativa. Igual que dedemos apostar pola gandería extensiva que aquí temos grandes exemplos. Hai posibilidade de emprego que non estamos a ver nin a potenciar.

¿Que mensaxe lle trasladaría aos votantes para que se acheguen ás urnas a depositar os seus votos o domingo?

Igual que plantexei a cuestión de por qué non imos as catro provincias xuntas a este proxecto de Sumar para seguir plasmando políticas útiles para que todos nos beneficiemos a nivel estatal, ¿porque as dúas provincias de interior que precisamente son as máis abandonadas non lle damos esa volta e evitamos que a abstención siga subindo dun 35 e ata 40%? A esas persoas temos que apelar, porque hai xente que ten moi claro e decidido a quen vai votar, nin sequera fai análise cada catro anos. Fago unha chamada a que a xente non quede na casa, que non sexamos tan cómodos e pensemos que un voto tras outro e así sucesivamente, pode conseguir fornecer ese cambio. Se lle imos dar a volta a Galicia non vai ser exclusivamente con BNG e PsdeG, vai ter que ser co cemento que Sumar empregue. Só así poderemos ter un goberno progresista.

¿Por que deberían votar a Sumar Galicia?

Porque as políticas que leva son feitos. Somos persoas non só traballadoras senón que estamos entre a xente común e que escoitamos todas as necesidades. Somos atrevidas e procuramos parar e controlar a eses grandes poderes e contrapoderes.

É a primeira vez que unha cabeza de lista pola provincia de Ourense é de Valdeorras. ¿Que pode supoñer iso para os valdeorreses?

Sendo certo que hai máis persoas de Valdeorras que van en candidaturas en distintos partidos, o enfoque do noso programa foi por en valor eses epígrafes de medio rural, de municipalismo. O feito de que unha persoa da comarca sexa quen dá este primeiro paso pode ser positivo porque posiblemente mellor que eu ninguén vai saber cales son as eivas que temos e tamén porque son unha persoa do común, non unha política como tal e creo que debemos confiar en nós mesmos e posibilitar o cambio.

Artigos relacionados

Back to top button