EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

A “Primavera de portas abertas” chega a Valdeorras buscando consolidar a boa participación de anos anteriores

A vicepresidenta da Ruta de Valdeorras presentou a proposta “diversa, completa e que presta atención a un público esixente” que se desenvolverá do 3 ao 5 de maio

 

A vicepresidenta da Ruta do Viño de Valdeorras, Montserrat Rodríguez, presentou esta mañá a programación dunha nova edición da “Primavera de Portas Abertas”, coa que a Axencia de Turismo de Galicia e as cinco rutas do viño participantes (Valdeorras, Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei) pretenden poñer en valor a oferta enoturística da Comunidade.

Referíndose á programación prevista desde a Ruta de Valdeorras, a vicepresidenta salientou que se trata “dunha proposta de calidade que esperamos sirva para consolidar a tendencia a alza da participación rexistrada nas últimas edicións e coa que agardamos romper récords de visitantes”. Neste sentido, salientou que as previsións parecen confirmar o interese por esta Ruta, xa que practicamente están cubertas as prazas en todas as actividades.

Durante a presentación da iniciativa esta mañá no Mosteiro de Xagoaza, Montserrat Rodríguez amosou o desexo do organismo de que a celebración desta Primavera de Portas Abertas`’ se converta “nun revulsivo para a comarca, dinamizando a economía da zona e desestacionalizando un turismo esixente e de calidade”.

 

 

Programación diversa e completa

A vicepresidenta da Ruta do Viño de Valdeorras destacou que por segunda vez consecutiva, “temos a responsabilidade de inaugurar as cinco fins de semana de divulgación das propostas enoturísticas que engloba ‘Primavera de Portas Abertas’”. Concretamente, será do 3 e 5 de maio e desde a entidade xa teñen preparada unha diversa e completa programación con 15 actividades que van desde visitas guiadas a lugares e espazos do patrimonio da comarca, xantares tradicionais, cantos de taberna, rutas en bicicleta, carreiras de orientación, visitas a espazos naturais e tamén ás antigas minas de wolframio da zona, entre outras e por suposto, as covas, tan singulares e identitarias desta ruta do viño.

Neste punto, Montserrat Rodríguez quixo ter palabras de agradecemento para as 13 adegas participantes, que terán ocasión de amosar a excelencia, propiedades e matices dos seus viños máis definitorios e tamén para os establecementos da rede hostaleira e de restauración da comarca, que elaboraron paquetes deseñados concretamente para esta acción con propostas de aloxamento e restauración a prezos moi especiais.

“Todos eles implicáronse neste programa”, subliñou poñendo en valor a programación pensada para o visitante onde un dos pratos fortes será un showcooking protagonizado pola recén galardoada mellor cociñeira no Galicia Forum Gastronómico, Begoña Vázquez, propietaria do Restaurante Regueiro da Cova. A restauradora mostrará aos visitantes “o seu bo facer sobre a base da cociña tradicional con toques vangardistas, acompañando os seus pratos cos excelentes caldos da nosa comarca”.

O éxito desta convocatoria enoturística provocou que xa se cubriran todas as prazas dos autobuses fretados pola Ruta do Viño de Valdeorras que sairán de cinco cidades galegas (A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela) e de Ponferrada. De todos os xeitos, os interesados en visitar algunha das trece adegas que participan nestas xornadas de portas abertas poden facelo desprazándose por medios propios.

A programación pode consultarse en detalle, así como as rutas dos buses do viño, nas webs da Ruta del Vino Valdeorras https://www.rutadelvinovaldeorras.com/ e de Turismo de Galicia https://www.turismo.gal/.

Artigos relacionados

Back to top button