OurenseÚltima hora

O músico ourensán Daniel Minimalia pecha en casa a xira do seu disco “Terra”

O gañador do Grammy Latino Mellor Álbum Instrumental 2020 actuará esta noite no Teatro Principal de Ourense

Daniel Minimalia. Grammy Latino Mellor Álbum Instrumental 2020./ Foto: Noelia Palafox.

 

O artista ourensán Daniel Minimalia pecha a súa xira musical na “súa casa” co concerto que ofrecerá hoxe, ás 20 horas no Teatro Principal, para o que están esgotadas as entradas desde hai dúas semanas.

Minimalia regresa a Ourense dentro do fin da xira “Terra”, o seu último disco publicado co que logrou o Latín Grammy ao mellor álbum instrumental no ano 2020, converténdose no primeiro artista galego en ter dito galardón.

 

Luis Menor e Daniel Minimalia.

 

“Recibimos a un veciño de Ourense que nos enche de orgullo co seu talento, traxectoria e numerosos recoñecementos”, salientou o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, que o recibía no Pazo Provincial agradecendo que “unha persoa como Daniel que conta cunha longa e consolidada traxectoria internacional, veña a súa terra natal para culminar esta xira musical cun concerto do que gozaremos todos este venres”.

Pola súa parte, Daniel Minimalia agradeceu á Deputación de Ourense que fixera posible este concerto e tamén “ao público que estaba esperando este concerto, xa que é moi bonito a nivel persoal sentirte tan querido na túa cidade”. Así mesmo, o artista ourensán asegurou que espera “ser un bo representante da miña terra e levar o nome de Ourense con orgullo por todo o mundo”.

 

Gonzalo Pérez e Daniel Minimalia.

 

O guitarrista e compositor é o primeiro español gañador de dous Hollywood Music in Media Awards e é autor de cinco traballos discográficos Akainik (2011), Cuentos Sonoros (2012), Arenas de Luna (2014), Origen (2016) y Terra (2020). Tamén é autor do libro “La Música Que Llevas Dentro” (2022).

Tamén foi recibido polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome quen destacou a excelente traxectoria profesional do artista. “É unha honra que un dos nosos estea vivindo nun mundo tan difícil como é o da música, dando concertos, triunfando e obtendo premios internacionais”, manifestou. “Que leves tantos anos e sigas aí, di moito. Outros son flor dun día, e non é o caso”, asegurou Pérez Jácome, quen lle desexou a Minimalia “o mellor” e “que a xente que vaia ao concerto, o desfrute”.

Artigos relacionados

Back to top button