O salón do Trono da Subdelegación do Goberno en Ourense convertíase na mañá do 24 de febreiro en escenario da entrega de diplomas concedidos pola Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias, do Ministerio de Interior, a colaboradores da Rede Radio de Emerxencia (REMER). Estas distincións outórganse a colaboradores que durante 15 anos ou máis exerceron de voluntarios.
O acto foi presidido polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e nel participaron diversas autoridades civís e militares. Na súa intervención, Castro resaltou que, “dende a óptica de servizo público e como mecanismo de aviso, axuda e coordinación ante una situación de emerxencia, a radio é un mecanismo importante e fundamental, por iso, a Subdelegación do Goberno en Ourense quere render unha homenaxe e un sincero recoñecemento aos voluntarios de radio aficionados, que conforman o proxecto que se coñece na actualidade como a Rede Radio de Emerxencia de Protección Civil (REMER) e na que están integrados varios miles de radio aficionados colaboradores, encadrados e estruturados permanentemente baixo un plan de actuación denominado Plan Mercurio”.