Por unanimidade dos membros do xurado eran seleccionados os tres proxectos distinguidos nos III Premios de Construción Sostible en Lousa, que outorga o Clúster da Pizarra de Galicia. Entre os criterios considerados figuraban as características de cada proposta, as solucións construtivas, a integración da lousa, a innovación e a relación dos proxectos coa súa contorna.
Os galardóns entregábanse o 9 de novembro nun acto celebrado na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO).
Primeiro premio
O primeiro premio lográbao “Big Fish”, unha vivenda unifamiliar situada en Cadavedo (Asturias) e proxectada polo estudo F5 Proyectos y Arquitectura. O galardón era recollido polos representantes dos distintos profesionais e empresas que fixeron posible a obra: a empresa barquense CUFA Cubiertas Ventiladas S.L., responsable da colocación da lousa; Miguel Blanco González, arquitecto técnico; e F5 Proyectos y Arquitectura, estudo encargado do deseño do proxecto.

Os recoñecementos foron entregados polo presidente do Clúster, Eliseo López Alonso; o vicepresidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Daniel León González, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila.
Segundo o Clúster, a proposta destaca “pola súa concepción arquitectónica, a súa adaptación ás características do terreo e a utilización da lousa como elemento protagonista da envolvente exterior do edificio, mediante unha fachada ventilada que combina innovación construtiva, eficiencia enerxética e deseño contemporáneo”.
Tras recoller o galardóns, os representantes de F5 Proyectos y Arquitectura, sinalaban que “este proxecto é o primeiro dun proceso de experimentación do estudo entorno á construción industrializada no que, intentando fuxir do estándar modularidade e de pouca liberdade formal, foi levado ao extremo, pero si que reivindico que se vexa figura do arquitecto como un rpfoesional ao servizo da sociedade e ao servizo da industria, non só da arte, para desenvolver proxectos de desenvolvento tecnolóxico e este é un exemplo”.
Ademais destacaban que “a lousa non é incompatible coa construción industrializada e máis agora que agora, cada vez está máis presente o cálculo da pegada de carbono, hai que recordar que a lousa é un material moi interesante nese cálculo”.

Primeiro accésit
O primeiro accésit correspondíalle á “Memoria en Lousa”, o proxecto de rehabilitación dunha antiga adega tradicional escavada na rocha na Rúa, deseñada polo estudo Mol Arquitectura.
Recollían os recoñecementos Santiago Rubio, como colocador de lousa; Luis Ángel López Gómez, como arquitecto técnico; e un representante de Mol Arquitectura, en nome do estudo responsable do deseño, que era a propietaria da cova, Mercedes Rebolledo, responsable da Adega Joaquín Rebolledo. A entrega corría tamén a cargo de Eliseo López, Daniel León e Pablo Fernández.
O representante de Mol Arquitectura agradecía o recoñecemento e, sobre todo, agradecía á propiedade da cova que “confiase neste proxecto tan interesante, estámoslle moi agradecidos á Adega Joaquín Rebolledo, gracias Mercedes. E, por último, gustaríame aproveitar a presenza neste acto de representantes do Colexio de Arquitectos e de Arquitectos Técnicos. Vós lanzade o guante porque na provincia tamén hai profesionais preparados para calquera iniciativa ligada ao desenvolvemento da lousa. Non é posible recuperar o noso territorio sen a lousa, sen a madeira local e sen a pedra”.

Segundo accésit
O segundo accésit correspondíalle ao proxecto “Casa Gobo”, consistente na rehabilitación dunha construción vernácula para destinala a actividades de agroturismo, e situada na Fonsagrada (Lugo). Os galardóns eran para Antonio Díaz López, colocador de lousa; Jesús María Amor Martínez (que non puido estar presente), arquitecto técnico e representante do estudio responsable do proxectos e para o arquitecto Daniel Gómez. Nesta ocasión, os encargados de entregar os recoñecementos eran tamén os representantes do Clúster e da Xunta de Galicia.
O arquitecto Daniel Gómez amosaba o seu agradecemento, “sobre todo, ao Clúster. Vivimos nunha xeografía na que o uso da lousa tamén é moi relevante, trátase dun material co que levamos realizando todas as nosas construcións dende sempre, e que haxa unha entidade que siga recoñecendo e divulgando e dando a coñecer o uso da lousa é moi importante”. Ademais adiantaba que “nós imos seguir usándoas nas nosas obras que poidamos”.
Fotos e vídeos: O SIL.
Máis información e fotos