EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

O III Premios de Construción Sostible con Lousa recoñecen o talento arquitectónico e o uso desta pedra natural

 

Promover o uso da lousa natural na construción. Con este obxectivo nacían no ano 2021 os Premios de Construción Sostible con Lousa, que agora acadan a súa terceira edición. Lembrábao o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López, na entrega dos galardóns que se celebraba na tarde do 9 de novembro na sede da Confederación Empresarial de Ourense na capital da provincia.

“A lousa é un dos materiais máis versátis, duradeiros e sostibles. Sen perder a identidade das súas cualidades, a lousa é capaz de adaptarse a diferentes estilos, é dicir, non só é un material tradicional, senón que se adapta perfectamente a contrucións modernas”, resaltaba na súa intervención Eliseo López, quen matizaba que con este concurso o clúster pretende “contribuír ao desenvolvemento e a promoción na edificación da lousa nos seus diferentes usos”.

 

 

E, deseguido, Eliseo López desvelaba os proxectos ganadores nesta edición do certame. O primeiro premio lográbao “Big Fish”, unha vivenda unifamiliar situada en Cadavedo (Asturias); mentres que o primeiro accésit era para “Memoria en Lousa”, o proxecto dunha cova na Rúa; e o segundo accésit para “A Casa Gobo”, un proxecto de rehabilitación dunha construción vernácula para destinala a actividades de agroturismo.

 

 

“Estes dous galardóns consolidáronse como unha referencia ano a ano, e ten que seguir así. Tanto o primeiro premio como os dous accésits que concedeu o xurado, reflexan o altísimo nivel das propostas, foi moi difícil para o xurado decidir”, engadía Eliseo López, quen tamén agradecía e felicitaba polo seu labor aos membros do xurado, que nesta ocasión estaba formado por Severino González, Cesáreo Fernández, Emma Noriega, Darío López e Jaime Pereira.

 

 

 

Na apertura deste acto, o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia estaba acompañado polo presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), David Martínez, e polo director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila.

 

 

David Martínez: “A lousa é un material cun enorme futuro”

Na súa intervención, o presidente da CEO agradecíalle ao Clúster “que teña contado con nós para a celebración desta terceira edición dos Premios de Construción Sostible con Lousa, e por impulsar uns premios que poñen en valor un dos sectores industriais máis representativos da nosa provincia: a minería e en concreto a lousa”.

Apuntaba ademais que “falar de lousa é falar de Ourense, de Valdeorras, de industria, de emprego, de exportación e de desenvolvemento económico, é falar de empresas que ao longo de décadas souberon converter un recurso natural do noso territorio nun produto de recoñecido prestixio internacional, un sector que demostrou a súa capacidade para competir nos mercados exteriores, crear riqueza e manter a actividade económica e de emprego en municipios onde a industria resulta fundamental para fixar poboación e crear oportunidades.

 

 

Martínez resaltaba así mesmo que “estes premios lémbrannos algo especialmente importante, que a lousa non é unicamente un material tradicional, senón que é un material cun enorme futuro. Nun momento no que a sostibilidade, a eficiencia e a calidade dos materiais adquire cada vez maior protagonismo na construción, sen dúbida, a lousa natural reúne cualidades que a converten nunha excelente opción para unha arquitectura responsable, duradeira e integrada co entorno. E precisamente isto é o que recoñecen estes galardóns, que é a capacidade de combinar tradición e innovación, poñendo un material da nosa terra ao servizo dunha construción máis sostible”.

Finalmente, manifestaba que dende a CEO “defendemos que o futuro de Ourense pasa necesariamente por fortalecer a nosa industria, mellorar a súa competitividade, impulsar a innovación e aproveitar as oportunidades que ofrecen os nosos propios recursos. E, como dicía antes, o sector da lousa é un dos mellores exemplos deste potencial. Estamos convencidos de que debemos seguir traballando xuntos para que as nosas empresas poidan afrontar con garantías os desafíos da sostibilidade, a transformación tecnolóxica, a internacionalización e a captación de talento”.

 

 

 

Pablo Fernández: “Se hai algo que caracteriza á lousa galega é a súa capacidade de xerar emprego e dinamiza ro rural”

Pola súa banda, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, destacaba que este acto “é un encontro para premiar o talento e a innovación e, sobre todo, nun material que forma parte da nosa identidade produtiva como é a lousa”.

Ademais, expresaba o apoio da Xunta á minería galega e indicaba que “a única maneira de xerar riqueza é dunha maneira comprometida coa innovación, co territorio e co medio ambiente, e eu creo que aí á lousa é un claro exemplo desta realidade. O traballo o coñecemento e a capacidade empresarial que se ten acumulado durante anos permitiu que a lousa se converta nun produto que é aprezado tanto dentro como fóra de Galicia”.

 

 

E engadía que “se hai algo que caracteriza á lousa é a capacidade de xerar emprego e dinamizar o rural. Estamos falando de empresas transformadoras, de colocadores, de transportistas, de técnicos, de profesionais especializados, de provedores e de moitísimas familias que dependen do sector. Por iso para nós a lousa tamén significa crear actividade económica competitiva, ofrecer oportunidades profesionais e por suposto, contribuír ao desenvolvemento dun territorio”.

Para Fernández Vila a minería ten que formar parte non só do presente da comunidade, senón tamén do futuro. “Nós defendemos que a minería ten que ser compatible coas máximas garantías ambientais, estamos falando de que é fundamental desenvolver o sector coa máxima seguridade xurídica, cunha planificación e cunha visión de futuro. A sostibilidade non consiste en renunciar aos nosos recursos naturais, senón en aproveitalos coa maior eficiencia, xerando valor e procurando que esa riqueza e ese valor se produza e permaneza no territorio e é o que queremos que consiga esa lousa galega que para nós forma parte do noso ADN non só como galegos, senón especialmente como ourensáns”.

Despois das intervencións procedíase á entrega dos galardóns desta edición dos premios.

Fotos e vídeos: O SIL.

Máis información e fotos

 

Así se desenvolvía a entrega dos III Premios de Construción Sostible con Lousa, en Ourense

Back to top button