En marcha a conta atrás para o xantar oficial da XXIII Festa do Botelo que reunirá mañá, 18 de xaneiro, a unhas 1.350 persoas no pavillón barquense de Calabagueiros.
Coma sempre a maquinaria para a elaboración do menú no exterior do propio pavillón xa se puxo en marcha coa colocación das carpas na parte de atrás do edificio; e tamén no interior, que se convertirá por unhas horas nun gran restaurante, comezaron os labores.
E como en anos anteriores, para que ninguén teña dúbidas de onde se ten que sentar, o Concello do Barco de Valdeorras vén de facer pública a distribución das mesas, indicando o nome de grupo que reservou as prazas así como o número de comensais por cada un.
Ademais, dende o Concello do Barco tamén informan de que a porta do pavillón abrirase sobre as dúas da tarde para empezar a colocar aos comensais nos seus sitios, e tamén se lle pide aos asistentes que non tiren a entrada unha vez pasen polo primeiro control, xa que na entrada quitaranlles unha esquina, e logo terán que conservala durante o xantar.