SanidadeÚltima hora

Asilival retomará o xoves 24 de setembro as concentracións para pedir un servizo de neumoloxía no hospital do Barco

 

Logo do parón do verán, a Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) volverá ás rúas para seguir reclamando que se dote dun servizo de neumoloxía ao Hospital Público de Valdeorras, no Barco. As mobilizacións retomaranse o vindeiro xoves 24 de setembro ás 11h. cunha nova concentración fronte ao hospital, que terá continuidade de forma semanal cada xoves. E non descartan outro tipo de accións, ademais de sumarse á manifestación convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras para o 17 de outubro.

Así se anunciaba na asemblea celebrada na tarde do 21 de setembro no edificio Multiusos do Barco, na que se apostaba por “continuar loitando para lograr ese obxectivo, no que levamos xa traballando, un servizo de neumoloxía e non só que pasen consultas os neumólogos aquí”, dicía Jose Rodríguez, presidente de Asilival.

No decurso da asemblea Jose Rodríguez facía públicos os datos de casos de silicosis nesta zona facilitados polo Insitituto Nacional de Silicosis de Oviedo. “No ano 2025 son 72 máis, e no ano 2024 había 64 máis, é dicir, imos in crescendo, por iso estamos preocupados e pensamos que sería necesario sentarnos nunha mesa redonda co Clúster da Pizarra de Galicia e comentar estes datos con eles, nós estamos abertos a facelo para poder entender a situación”.

Por outra banda, facíase un chamamento ás persoas afectadas para que se acheguen á asociación e tamén se incidía en pedir unha maior implicación dos representantes políticos de cara a conseguir o servizo de neumoloxía en Valdeorras. “Estamos enfermos e pensamos que merecemos esa atención, pero non vemos un apoio da clase política, estamos indignados nese senso”, aseguraban.

Fotos: O SIL.

Back to top button