
Dende a Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) vén de emitirse un comunicado no que se informa de que se suspenden temporalmente as concentracións que esta entidade viña celebrando cada xoves diante do Hospital do Barco, tras a intención do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, de reunirse con representantes dos afectados por esta enfermidade. Dicíao durante a sesión plenaria provincial de abril, na que se debatía unha moción do grupo socialista para a mellora da atención sanitaria das persoas afectadas pola silicose na comarca. Varios puntos desta moción saían adiante.
“Imos darlle un voto de confianza”, en palabras do presidente de Asilival, Jose Rodríguez. Ante isto, a asociación acordaba darlle un prazo de 15 días ao presidente da Deputación de Ourense, dúas semanas nas que se suspenderán temporalmente as concentracións que se veñen celebrando cada xoves diante do Hospital de Valdeorras. Ademais Asilival pide publicamente desculpas “so Sergas e ao resto de institucións por se lles puido molestar algún comentario durante esas concentracións, manifestacións ou outros temas verbais”.
Asilival confía en poder reunirse co presidente da Deputación de Ourense pasados eses quince días e, “se se chegase a un acordo, todo con documentación por escrito, suspenderíanse as concentracións e manifestacións”.