Esta mañá procedíase ao acto de sinatura da acta de entrega da estrada a San Vicente ao Concello de Vilamartín de Valdeorras, por parte da Deputación de Ourense. A rúbrica, que era realizada polo presidente provincial, Luis Menor, e pola tenente de alcalde vilamartinesa, Sherezade Núñez, tiña lugar na sede da Deputación en Valdeorras, situada na Casa Grande de Viloira (O Barco).
“Isto foi solicitado polo Concello de Vilamartín, polo seu alcalde concretamente, en agosto e xestionámolo nun tempo moi curto porque había unha plena sintonía entre a demanda e a nosa total colaboración por parte da Deputación”, destaca Luis Menor, tras a sinatura. “Plantexouse unha solución provisional para un suposto de emerxencia, e, a pesar das dificultades técnicas que ten calquera tipo de cesión, pois foi atendida pola Deputación nese afán de colaborar na solución definitiva, pero tamén en pasos intermedios que se poidan dar para mellorar as condicións de seguridade da veciñanza de San Vicente. Fíxose, como digo, en tempo moi escaso para o que son as dificultades técnicas dunha cesión deste tipo, facémolo efectivo e dende este momento pódese abordar esa solución que nos solicitaron”, engadía Luis Menor.
Dende o Concello de Vilamartín, Sherezade Núñez, expresaba a súa “gratitude pola pronta recepción e estamos abertos, sobre todo, a que, aínda que isto é unha medida de emerxencia, para buscar solucións no futuro garantan o non illamento de San Vicente e quizais no futuro asumir as características dunha estrada da Deputación. Pero, por agora, imos celebrar esta pequena vitoria porque, por agora, podemos garantir a seguridade do pobo de San Vicente”.
A entrega desta acta xa lle permite ao Concello actuar para poder abrir unha pista que faga posible o acceso a San Vicente dos vehículos de emerxencia, xa que pasa a ser titular dese tramo.
Trátase dun treito de aproximadamente 500 metros na estrada provincial OU-0807 (Vilamartín-San Vicente). O Concello solicitara á Deputación o cambio de titularidade dun treito desta vía, co obxectivo de asumir a súa xestión e mantemento e mellorar a seguridade da veciñanza, que vira condicionado o seu acceso á localidade de San Vicente por derrubamentos.
Fotos: O SIL.