OurenseÚltima hora

A asociación folclórica Queixumes dos pinos inaugura o seu novo local en Ourense

 

Manuel Álvarez (concelleiro de Democracia Ourensá), Marisol Díaz, Jesús Vázquez e ao fondo o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández. 

A asociación folclórica de exaltación e fomento da cultura galega Queixumes dos Pinos inaugurou a súa nova sede, emprazada na rúa Nosa Señora da Saínza da capital ourensá, logo de permaneceren máis de 20 anos no barrio do Couto. O acto de inauguración contou coa presenza de numerosas personalidades da vida social, cultural e política ourensá. Como a da delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, o alcalde da cidade das Burgas, Jesús Vázquez; ou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

A delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acudiu acompañada da xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Luz Fernández Quintas. Díaz Mouteira recoñeceu publicamente o labor desenvolvido por este grupo de danzas a prol do folclore tradicional galego e desexoulle moitos éxitos nesta nova etapa que comeza, coincidindo co traslado do seu local.

Queixumes dos Pinos naceu no ano 1994 no concello ourensán de Pereiro de Aguiar. Na actualidade, o grupo conta cunha escola de danza formada por 300 alumnos de diferentes idades e niveis, e imparte as súas clases en distintas asociacións da capital ourensá e da súa provincia.

O grupo titular desta agrupación folclórica está formado por 45 componentes, con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos. Deles, 7 forman o corpo musical e 38 o grupo de danza. Ademais, contan cun grupo de 18 pandereteiras e pandereteiros.

Segundo o director desta agrupación de danzas, Jose Antonio Viñas, desde as súas orixes ata a actualidade, máis de dous mil alumnos aprenderon os segredos do folclore tradicional galego e contribuíron a difundilo por numerosos países do mundo.

O acto de inauguración contou cunha actuación de Queixumes dos Pinos e de Sons do Miño, amais dunha representación teatral.

Artigos relacionados

Back to top button