
A Asociación de Asperger e Trastornos do Espectro Autista de Valdeorras (ASTEAVAL) continúa a promover na comarca iniciativas para divulgar e visibilizar esta realidade, así como concienciar sobre ela. Así, na vindeira fin de semana desenvolverá na Rúa a xornada “TEAcompaño para toda a vida”, de acceso libre. Será o sábado 16 de maio ás 10:30h. no Centro Cultural Avenida e incluirá cinco relatorios diferentes da man dunha psicóloga, unha logopeda, unha terapeuta ocupacional, unha mestra en pedagoxía terapéutica e unha emprendedora TEA diagnosticada aos 42 anos.
Esta xornada vén a dar continuidade a outras actividades xa organizadas en abril no Barco como foi a xornada “Autismo: A Mirada do Outro”, no marco da celebración o día 2 dese mesmo mes do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo.
ASTEAVAL é unha asociación sen ánimo de lucro con sede no Barco de Valdeorras dedicada á defensa dos dereitos e a mellora da calidade de vida das persoas con TEA e as súas familias. A través do apoio directo e a sensibilización social, traballan para que a neurodiverxencia sexa entendida como unha parte fundamental da diversidade humana.
