A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitaba esta semana aos rapaces que están a desfrutar da natureza, coñecendo o firmamento e aprendendo tradicións populares no campamento do albergue Montañas de Trevinca na Veiga. Esta proposta forma parte da campaña de verán da Xunta de Galicia, que oferta en concellos de toda a provincia de Ourense máis de 1500 prazas, entre campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos e outras actividades.
Baixo o título ‘Os segredos do universo’ os participantes neste campamento, que remata mañá, fixeron rutas de sendeirismo e practicaron actividades como paddle surf ou bolos celtas, ademais de pasalo ben nas praias fluviais de Os Franceses e O Coiñedo, e de viaxar en catamarán á Illa de Prada. Os nenos tamén aprenderon a facer pan da maneira tradicional, coñeceron os museos do Liño e do Wolframio, realizaron excursións á Casa das Pedriñas e ao Centro de transformación de materias primas ‘Mel de Trevinca’ e ‘Faba Loba’.
Ademais, unha das actividades principais deste campamento foron as observacións astronómicas guiadas na Veiga, concello que ten un dos mellores ceos para contemplalos. Os nenos visitaron o planetario e observatorio astronómico, onde puideron experimentar e coñecer máis en profundidade as estrelas e constelacións.