OurenseÚltima hora

Atopado con vida o home de avanzada idade que desaparecera o sábado en Vilar de Barrio

Foto: Voluntariado de Protección Civil de Ourense.

 

Os voluntarios de Protección Civil de Baños de Molgas, que participaban na busca dun home de avanzada idade que desaparecera o pasado sábado en Vilar de Barrio, veñen de localizar a esta persoa consciente, pouco antes deste mediodía, entre os lugares de Borrán e Porto, tal e como vén de informar o 112 Galicia.

O 112 Galicia tivo coñecemento disto a través dunha chamada dos servizos de emerxencias, que informaban de que atoparan ao home, de avanzada idade, para quen solicitaban asistencia sanitaria, aínda que segundo Protección Civil se atopaba en bo estado de saúde. Foi trasladado en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

O operativo, no que colaborou a Unidade de Drons da Axega durante a tarde do sábado, estaba coordinado pola Garda Civil e nel traballaron o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os GES de Maceda e de Laza, e Protección Civil de Maceda, Xunqueira de Ambía, Laza, Baños de Molgas, Sarreaus, Xinzo de Limia, Vilar de Barrio, Verín e Parada de Sil. Tamén interviñeron membros do Grupo de Intervención Psicolóxica ante Catástrofes e Emerxencias para prestar asistencia aos familiares do implicado, segundo informa o 112 Galicia.

O home desaparecera do seu domicilio na tarde do pasado 5 de novembro.

Artigos relacionados

Back to top button