A TeixeiraConcellosÚltima hora

Atopados en bo estado os sendeiristas perdidos onte nunha zona de monte na Teixeira

 

Os equipos de emerxencia atopaban en bo estado de saúde a dous sendeiristas perdidos na tarde de onte domingo nunha zona de monte, na contorna da parroquia de Pedrafita, no concello ourensán da Teixeira. “Debido ás condicións do terreo, as tarefas de rescate prolongáronse durante cinco horas, tempo necesario para a localización das persoas e trasladalas con seguridade ata o punto no que se atopaba o seu vehículo”, tal e como se informa dende o 112 Galicia.

Eran os propios senderistas os que avisaban, arredor das 19:30 horas de onte, ao 112 Galicia para solicitar axuda. Durante a comunicación cos xestores de emerxencias, indicaban que se perderan ao intentar localizar a ruta que conducía á pasarela do Río Mao.

Deseguido, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia púxose a situación en coñecemento dos membros do GES de Castro Caldelas, dos axentes da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil de Parada de Sil. “Con todo, grazas ao envío das coordenadas a través do móbil, facilitou a súa localización aos equipos de intervención, que puideron dar co eles xa ben entrada a noite, preto das 22:30. Afortunadamente, en bo estado de saúde. Unha vez localizados, foron conducidos ata o lugar onde se atopaba o seu vehículo, posto que, se encontraban nunha zona escarpada de monte onde a configuración do terreo dificultaba o desprazamento dos implicados no rescate”, informa o 112 Galicia.

Así, tras cruzar o abrupto camiño, os sendeiristas puideron volver a casa poucos minutos despois da unha da madrugada, tal e como confirman o 112 Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button