
As Festas de Ourense, na súa edición 2016, xa teñen cartel anunciador. Tras un proceso de varias fases con diversos filtros, o deseño gañador foi seleccionado polos cidadáns, que fixeron de xurado final. Así, baixo o título ‘Bailemos no Corpus’, anunciará os festexos que se celebrarán entre os vindeiros 25 de xuño e 3 de xullo na cidade das Burgas.
Este é o resultado da votación popular que tivo lugar nos pasados días a través da web ourensecultura.com. Os veciños tiveron que seleccionar un gañador de entre cinco deseños pre-seleccionados por un xurado. Deste xeito, o artista ourensán Moncho Barazeiro será o que asine o cartel anunciador.
A súa obra obtivo un total de 539 votos -un 36% do total-, seguida de ‘As nosas festas’, con 438, e de ‘Fagamos da choiva unha festa’, que obtivo 204 apoios. Neste senso, a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, calificou este método de “participativo” e, segundo se avanzou, volverase a empregar en vindeiras convocatorias públicas de deseño de carteis.
Durante o tempo da votación, os cinco deseños finalistas estiveron expostos na rúa do Paseo.