PolíticaÚltima hora

Besteiro: “A única esquerda que pode gobernar Galicia xa está en marcha”

O secretario xeral do PSdeG facía un chamamento á mobilización na clausura do congreso desta formación, deixando claro que "non hai atallos nin terceiras vías. O único cambio posible en Galicia pasa polo PSdeG

 

José Ramón Gómez Besteiro, tras ser reelixido secretario xeral do PSdeG, sinalaba na clausura do 15º Congreso Nacional do Partido Socialista de Galicia, celebrado nesta fin de semana en Santiago, que o PSdeG “é a única esquerda con capacidade de gobernar Galicia. Somos a alternativa real ao conformismo do PP e á Galicia da resignación que impón Rueda. Somos a esquerda que pode, a única esquerda que pode”, afirmou, xunto á súa nova executiva, e ante un auditorio cheo de militantes e simpatizantes.

Besteiro apuntaba que “estamos preparados e preparadas para gobernar porque somos capaces de liderar o cambio en Galicia. Hoxe comeza ese camiño. Non é unha frase feita, é unha firme convicción. Sei que podemos ser a alternativa política en Galicia para cambiar este país. Somos a esquerda que pode, a ÚNICA esquerda que pode: A única, porque lideramos a transición ecolóxica, sen demagoxias. A única, porque damos a cara, orgullosos do que defendemos, sen caretas, sen Entroido. E a única, porque querer á túa lingua é compartila, sen apropiacións indebidas. Por estas e moitas máis razóns, este partido ten unha folla de ruta propia e é a ÚNICA esquerda que pode. Estou convencido!”.

Acompañado polo presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, Besteiro reivindicou o papel clave do socialismo para transformar Galicia, denunciando a parálise de 16 anos de gobernos do PP e poñendo en valor as políticas progresistas que xa están a mellorar a vida dos galegos grazas ao Goberno de España. “Dicían que era imposible manter un goberno de progreso en España e fixémolo. Fixéchelo, Pedro!”, exclamou Besteiro, arrincando un sonoro aplauso.

 

 

O líder dos socialistas galegos fixo un chamamento á mobilización da esquerda, deixando claro que non hai atallos nin terceiras vías: o único cambio posible en Galicia pasa polo PSdeG. “Aquí hai tres opcións: unha dereita que só goberna para os seus, un nacionalismo que se pecha en si mesmo e un proxecto socialista que sempre puxo Galicia no centro. Nós somos a esquerda de todos e todas, a esquerda galega, a esquerda que pode e que vai gobernar”, asegurou.

Besteiro denunciou na súa intervención que a sanidade galega está ao límite e que máis de 200.000 galegos seguen agardando por unha cita cun especialista. “Cada día de goberno do PP en Galicia é un día máis de deterioro da sanidade pública e de negocio para a privada”, advertiu. Reiterou o compromiso do PSdeG de reforzar a Atención primaria e reducir as listas de espera, garantindo un sistema sanitario público forte e accesible.

Tamén puxo o foco na necesidade dunha política de vivenda que dea respostas reais á mocidade. “Cada día hai tres novos solicitantes engrosando unha lista de espera interminable para acceder a unha vivenda. Por iso, o PSdeG creará un Banco Público de Alugueiro, para garantir prezos accesibles e que ningún mozo ou moza teña que marchar de Galicia por non poder pagar unha casa”, anunciou.

Sobre o modelo económico, Besteiro apostou pola reindustrialización e a transición ecolóxica, pero sen permitir “trampas nin especulación”. Referiuse directamente ao proxecto de Altri en Palas de Rei, deixando claro que “ningún modelo industrial será imposto en Galicia sen transparencia, respecto ao medio ambiente e garantías para a cidadanía”.

 

 

Ademais, subliñou que a convivencia territorial é clave para o futuro do país. “Defendemos unha Galicia ben conectada cara ao exterior e no seu interior. Non queremos unha Galicia de dúas velocidades”, afirmou.

O secretario xeral do PSdeG concluíu o seu discurso asegurando que “este Congreso marca o inicio dun camiño sen volta atrás. Galicia necesita un cambio e nós lideraremos ese cambio. Sen unha soa pinga de dúda. Ímolo facer!”. E pedíalle á súa nova executivo “un traballo incansable, esforzo, ilusión e aldgría. Isto é posible porque xa o fixemos e volverémolo facer porque somos a verdadeira esquerda que pode”.

A continuación, clausuraba o congreso o secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen comezaba a súa intervención cunha lembranza a recentemente falecida alcaldesa socialista de Lugo e pedía un aplauso para a súa familia e seres queridos.

Despois Sánchez destacaba que este ten sido un “congreso con unidade, con ambición e reivindicando ser a esquerda que pode”.

Fotos cedidas.

Back to top button