PolíticaÚltima hora

Besteiro estrea o novo horario Alvia Lugo-Madrid e pide á Xunta que conecte a estación da Gudiña co resto da Galicia interior

O secretario xeral do PSdeG fixo a primeira viaxe do servizo, que parte de Lugo ás 5.18 e abre catro frecuencias diarias con Madrid desde A Gudiña-Porta de Galicia

 

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, estreaba este mércores o novo servizo Alvia que une Lugo con Madrid. O tren partiu da capital lucense ás 5.18 da mañá e fixo paradas en Sarria, Monforte e Ourense antes de chegar á estación da Gudiña-Porta de Galicia, onde Besteiro, que mantivo un encontro co alcalde da Gudiña, Néstor Ogando; o secretario provincial de Ourense, Álvaro Vila, a deputada Carmen R. Dacosta e outros cargos socialistas, entre eles o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, para valorar a posta en marcha dunha conexión que cualificou como “un día especial para a comunicación por ferrocarril coa capital de España”.

“Cumprimos co que nos comprometemos”, subliñou o líder socialista, que enmarcou a nova frecuencia na promesa que o PSdeG e o PSOE trasladaran ao Ministerio para recuperar unha conexión perdida e responder á demanda de Lugo, Sarria, Monforte e A Gudiña de contar cun tren a Madrid a primeira hora da mañá.

Besteiro explicou que o novo Alvia permite saír de Lugo ás 5.18 e chegar a Madrid antes das dez e media, “co tempo suficiente para facer calquera xestión e volver no mesmo día”. A nova frecuencia, engade, eleva a catro o número de trens diarios con destino á capital con parada na estación da Gudiña-Porta de Galicia, entre servizos Alvia e Avlo de alta velocidade, cun abano de saídas que vai desde as oito menos cuarto da mañá ata pasadas as cinco da tarde.

Os billetes parten de 16,90 euros no caso do Alvia e de 29 euros para a alta velocidade. “Son prezos moi competitivos que demostran a aposta do Goberno pola mobilidade ferroviaria de Galicia”, defendeu o dirixente socialista, que situou esta mellora dentro do investimento sostido do Executivo de Pedro Sánchez nas conexións ferroviarias galegas, con máis de 650 millóns de euros destinados nos últimos anos á liña entre Lugo e Ourense.

Tras valorar a viaxe, Besteiro dirixiuse á Xunta de Galicia para reclamarlle que asuma a súa parte na mobilidade da zona e mellore o transporte por estrada. “De nada serve que nos volquemos en mellorar os traxectos cara Madrid se, ao chegar á estación, non temos un autobús que permita conectar con toda a comarca e con toda a Galicia interior”, advertiu.

O líder socialista subliñou que A Gudiña-Porta de Galicia está chamada a ser a estación de referencia non só para amplas zonas de Ourense e Lugo, senón tamén para puntos do norte de Portugal, e pediu que a rede de autobuses acompañe esa función. “Nós cumprimos. Agora tócalle á Xunta facer a súa parte”, concluíu.

 

 

Néstor Ogando, alcalde da Gudiña: “Comprometéronse a recuperas as frecuencias e aquí estamos”

Néstor Ogando, alcalde da Gudiña, mostrouse “sumamente orgulloso” de ter conseguido as novas frecuencias: “Loitamos moitísimo, houbo que ir a Madrid, houbo que estar con dirixentes en Ourense, e en todo momento fomos ben recibidos. Comprometéronse a recuperar as frecuencias e aquí estamos”. Ogando explicou que ata agora o tren saía da Gudiña ás 8.30 e chegaba a Madrid sobre as once da mañá, mentres que a nova configuración adianta a saída ás 7.44 e leva á capital xa en hora útil para realizar xestións; á media hora, ás 8.30, sae outra frecuencia con destino a Ourense, Lugo e o resto do interior.

Ogando sumouse á reivindicación do transporte por estrada: “Só nos queda que os enlaces por autobús sexan acordes coas paradas do tren”, concluíu.

 

 

Aurentino Alonso, alcalde do Barco: “Falta que a Xunta cumpra coa súa parte e adapte os horarios dos buses”

Pola súa banda, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, celebraba a recuperación das frecuencias e mesmo o cambio no horario, que se adianta un pouco sobre o existente anteriormente. “É unha noticia moi importante que estas frecuencias se recuperen porque existía unha demanda social, sobre todo a da primeira hora da mañá”. E matizaba que “o que queda agora pendente é que a Xunta cumpra tamén coa súa parte do trato e que os autobuses de Valdeorras se adapten aos novos horarios dos servizos do tren”.

 

Back to top button