PolíticaÚltima hora

Besteiro inaugura o XV Congreso do PSdeG co obxectivo de “rearmarnos para dar respostas”

O secretario xeral do PSdeG reivindicou Galicia como berce dun socialismo que hoxe se presenta coa vontade decidida de gañar a confianza da cidadanía

 

 

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, abriu hoxe en Santiago o XV Congreso do PSdeG co obxectivo de “rearmarnos para dar respostas” e situar ao partido no camiño do cambio en Galicia. Así o dixo na inauguración do grande encontro dos socialistas galegos, no que tamén interveu o ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes e secretario de Xustiza do PSOE, Félix Bolaños.

O líder dos socialistas galegos comezou cunha lembranza á alcaldesa de Lugo, falecida a semana pasada, para aludir ao legado histórico dos e das militantes que traballaron na defensa dos valores da socialdemocracia cando fan 100 anos do pasamento do fundador do partido, o ferrolán Pablo Iglesias. Reivindicou Galicia como berce dun socialismo que hoxe preséntase “orgulloso, con fortaleza, ilusión e vontade decidida de gañar a confianza da cidadanía”.

Anunciou que no encontro que comeza hoxe “reafirmaremos o noso compromiso social para fortalecernos e representar con firmeza ao Partido Socialista que será capaz do cambio en Galicia” apoiado no “proxecto, equipo, traballo, lealdade e unidade” e aberto ás aportacións da sociedade. reivindicou a forza municipalista dos socialistas que están a poñer a política ao servizo da cidadanía como mellor representación da “Galicia que Pode”, en alusión ao lema do XV Congreso.

Contrapuxo á Galicia “pequena en transparencia, pluralismo e dereito á información, e polo tanto deficitaria en democracia plena”, condenada á “resignación” que representan Feijóo e Rueda, coa Galicia do orgullo e a ambición que “con nós, non se resigna”. Reclamou “máis Europa, máis Galicia, máis socialismo e máis esquerda que pode”, que identifica os problemas da xente e ofrece propostas para solucionalos.

Sinalou que fronte ao problema da vivenda os socialistas defenden un Banco Público de Aluguer, e fronte ao deterioro da sanidade, propoñen recuperar un servizo público fortalecido que garanta Atención Primaria nun máximo de 48 horas. Reclamou reforzar a protección das persoas vulnerables e maiores “sen desarraigo e sen antepoñer o interese empresarial por diante do seu benestar”.

 

 

“Avanzar, avanzar e avanzar”

O líder dos socialistas galegos anunciou que con este Congreso comezarán “foros de participación permanente” nos que os socialistas canalicen “a voz dos veciños e das veciñas e dos territorios” para fortalecer un “partido imparable”. Reivindicou “equipos preparados para os novos tempos”, e anunciou un impulso á formación dos cadros do partido que permita “avanzar, avanzar, avanzar e avanzar” cara ao cambio que “comeza aquí”.

Puxo como exemplo as “metas que nos dixeron que eran imposibles”, o goberno do Concello de Lugo do que formou parte e que comezou con 5 concelleiros ou a renovación nas deputacións de Lugo e a Coruña. Salientou o goberno do concello da Coruña, de Vilagarcía, as alcaldesas socialistas da Costa da Morte, os gobernos socialistas no que fora “bastión” de Fraga no goberno de Vilalba, as sucesivas maiorías absolutas no Concello de Vigo ou renovar o goberno no Estado.

Back to top button