EconomíaEconomíaÚltima hora

Betanzos e Vilalba incorpóranse ao Eixo Atlántico, que xa suma 40 membros

A XXXIII Asemblea Xeral do Eixo Atlántico celebrarase o 18 de febreiro en Viana do Castelo, cidade que este ano acolle a Capital da Cultura do Eixo Atlántico. As entidades membros aprobarán a adhesión de dúas novas localidades: Betanzos e Vilalba. Ambos municipios, gobernados por alcaldesas do Partido Socialista, María Barral e Marta Rouco, respectivamente, amplían a entidade a un total de 38 cidades e dúas deputacións. Esta incorporación reforza o camiño cara á igualdade de xénero co incremento da presenza de mulleres no liderazgo da política local.

 

cartaz abertura f 18 dez page 0001

A Asemblea Xeral ratificará un orzamento de 5.090.000 € para o ano en curso, unha cifra que permitirá seguir impulsando os proxectos de desenvolvemento local nas cidades de Galicia e do Norte de Portugal. Actualmente, o Eixo Atlántico xestiona cinco proxectos europeos de distintas liñas de financiamento, con outros catro en vías de aprobación. Este fluxo constante de recursos novos, que se suman aos propios da organización, permitirá reforzar a resiliencia das cidades e a sustentabilidade do territorio de Galicia-Norte de Portugal, Eurorrexión do Eixo Atlántico.

Dentro deste contexto, o Eixo Atlántico debaterá na Asemblea a incorporación de dous novos eixes temáticos ao seu programa. O primeiro deles está relacionado coa Nova Bauhaus Europea e, o segundo, co cambio de hábitos e desenvolvemento social, impulsado pola Comisión Europea.

O Eixo Atlántico continuará promovendo a colaboración entre as administracións locais, a Unión Europea e a sociedade civil, co fin de afrontar os desafíos actuais e futuros.

VIII Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2025 – Viana do Castelo

A cerimonia de apertura de Viana do Castelo como Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2025 celebrarase o 17 de febreiro ás 20:30 horas pt no Centro Cultural de Viana do Castelo.

A inauguración ofrecerá un espectáculo multidisciplinar creado e dirixido polo talentoso artista portugués Daniel Pereira Cristo. “Mar Adentro” é unha proposta escénica, que mestura danza, voz e música, e contará coa participación especial de Xabier Díaz, recoñecido pola súa mestría na música, prometendo unha experiencia inesquecible para os presentes. O concerto contará coa dirección artística e musical de Hélder Costa.

Exposición “Historia do Eixo Atlántico”

No marco da VIII Capital da Cultura do Eixo Atlántico, a entidade amosa a exposición “Historia do Eixo Atlántico”, no Passeio das Mordomas da Romaria, en Viana do Castelo.

Ás 17.00h do luns 17 de febreiro terá lugar o acto inaugural, ao que asistirá o presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Viana do Castelo, Luis Nobre, e o secretario xeral da asociación, Xoán Mao.

A exposición, que destaca os fitos máis importantes da asociación nos seus 33 anos de historia, está composta por 21 paneis. A mostra permite aos visitantes realizar un percorrido visual e educativo sobre a evolución do Eixo Atlántico.

Artigos relacionados

Back to top button