
A D.O. Ribeiro recibía nesta semana a Beth Willard, experta internacional en viños, en calidade de representante do Master of Wine Tim Atkin para preparar un informe detallado con puntuacións sobre os viños de Galicia no marco dos Special Reports, publicacións periódicas que emiten sobre as distintas denominacións de orixe.
Durante o seu percorrido pola Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, Beth coñeceu de primeira man 24 adegas e proxectos vitivinícolas, probando en total case 150 viños, brancos, tintos, de elaboracións especiais, como barrica ou lías, monovarietais de Treixadura, Godello, Torrontés, Albariño, Caíño Longo, Sousón… ou coupages resultado de mestura de variedades de uva autóctonas, de diferentes colleitas que foron desde unha antiga 2012 ata a máis recente 2023, apreciando así a evolución no tempo dos viños.
A presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, puido conversar coa experta catadora durante a súa visita ao Consello Regulador e comenta “o traballo desta recoñecida prescritora durante catro completas xornadas, coa intención de visitar moitas adegas e catar o máximo número de viños, mostra que a nosa rexión e os seus viños suscitan gran interese a nivel internacional. O seu informe tras a visita fará que se incremente o coñecemento sobre o noso histórico territorio, as súas adegas, viños e variedades de uva en moitos países no ámbito global”.
Galicia, e en particular a rexión do Ribeiro, é unha zona de gran interese para Atkin e Willard. O obxectivo principal da visita de Beth é “poder elaborar un informe detallado con puntuacións individuais do maior número de viños posible para que posteriormente poidan ser utilizadas polos produtores para promover os seus viños e lograr así unha maior proxección nos mercados internacionais”.
Beth Willard, ademais de colaborar con Tim Atkin MW, leva ligada a España desde hai máis de 15 anos, primeiro como compradora especializada e actualmente como xornalista e crítica de viños. Ademais, é copresidenta do concurso de viños de Reino Unido Decanter World Wine Awards, escritora na revista Decanter, e regularmente realiza presentacións e catas de viños españois.
As adegas participantes nesta acción: Viña Mein-Emilio Rojo, Pazo de Casanova-Finca Viñoa, El Paraguas, A Vilerma, Parente García, Cunqueiro, Cuñas Davia, Pablo Vidal, Xulia Bande, Adega do Moucho, Ramón do Casar, Iván Pateiro, Coto de Gomariz, Casal de Armán, Viños de Encostas, Celme, Manuel Formigo, Viña Costeira, Casal do Canteiro, Eduardo Bravo, Siah, Alanís, Bodegosa e Campante.