PolíticaÚltima hora

BNG pide no Congreso “explicacións e medidas urxentes ao Goberno polas graves incidencias na liña ferroviaria Ourense-Ponferrada”

 

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar nas Cortes do Estado unha batería de iniciativas dirixidas ao Goberno sobre as incidencias producidas os días 17 e 18 de febreiro na liña ferroviaria Ourense-Ponferrada. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pide que se esclarezan as causas e revisar de forma integral a infraestrutura, así como impulsar plans específicos de inspección, revisión e reparación periódica das infraestruturas. Rego, cualifica os feitos como “moi graves” e denuncia que “volven pór en evidencia o abandono e a falta de mantemento das infraestruturas ferroviarias na Galiza”.

Na mañá do mércores 18 de febreiro, indica, “arredor das 7:40 horas, o tren convencional que cubría a liña entre Ponferrada e Ourense quedou parado á altura do Ivedo, entre as estacións de Montefurado e San Clodio, tras unha avaría que, segundo as primeiras informacións, estaría relacionada coa catenaria e o pantógrafo. No tren viaxaban 20 persoas, entre elas crianzas e persoas con mobilidade reducida, que tiveron que ser evacuadas polos servizos de emerxencia e a través de camiños rurais até Montefurado para seren posteriormente trasladadas en taxi e autobús. Segundo relataron persoas usuarias, escoitouse un forte estrondo, como un lóstrego, e observaron chispas antes de quedar sen subministración eléctrica. Ademais, denuncian que permaneceron máis dunha hora sen información clara por parte da operadora ferroviaria”.

Rego engade que esta incidencia produciuse apenas un día despois de que, “na mañá do martes 17 de febreiro, se rexistrase un incendio nun túnel próximo a Montefurado que obrigou a cortar a liña León-Monforte, afectando conexións con Ponferrada, León, Ourense e mesmo o servizo entre A Coruña e Barcelona. O xestor da infraestrutura ferroviaria, Adif, indicou que sería precisa unha revisión técnica antes de restabelecer o tráfico”.

Para o BNG, estas incidencias “non son feitos illados, senón a consecuencia directa da falta de inspección, mantemento e investimento nas infraestruturas ferroviarias galegas. Non abonda con actuar cando xa se produciu a avaría ou o incendio. É imprescindíbel un plan sistemático de revisión da vía, da catenaria, dos túneles, noiros e da vexetación do entorno, que permita previr situacións de risco e garantir a seguranza das persoas usuarias”, subliña Néstor Rego.

Back to top button