Con motivo das graves inundacións producidas pola DINA en Valencia, dúas dotacións do Consorcio Provincial de Ourense partiron esta mañá cara os territorios afectados desde o Parque de Bombeiros de Verín. Estes efectivos acoden en colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e foron despedidos polo vicepresidente terceiro e deputado provincial de Emerxencias, Plácido Álvarez, acompañado polo xefe de sección de Emerxencias da Deputación, José Ramón Sánchez Feijóo.
As dotacións procedentes dos parques de O Carballiño-O Ribeiro e Verín, partiron do parque de bombeiros de Verín en dous vehículos 4×4 que van provistos de kit de bomba, material de limpeza viaria, bombas de achique, vadeadores, equipos de excarceración, equipos de iluminación, e o subministro suficiente para ser autónomos durante varios días.
O vindeiro luns día 11 de novembro está prevista a saída doutras dúas dotacións procedentes dos parques de Valdeorras e A Limia, para dar relevo as dotacións xa desprazadas ao lugar da catástrofe.