En portadaEntroido 2020Última hora

Bombos, gadañas e aixadas tomarán Trives o 16 de febreiro

A vila acollerá a XVI Xuntanza de Folións que promove a Asociación Os Labregos

Os Labregos abrindo o encontro de folións o pasado ano en Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ata 13 folións chegados dende diferentes puntos do oriente ourensán daranse cita en Trives o vindeiro domingo 16 de febreiro. Participarán no que será xa a 16ª edición dunha xuntanza que promove o folión trivés Os Labregos.

O punto de partida desta longa comitiva de máscaras, bombos, aixadas e gadañas será a Finca da Barreira ás 15:30h. O desfile abrírano os anfitrións, Os Labregos cos seus Boteiros, e a partir de aí poderá verse a outros doce folións, tres deles tamén triveses: As Maceiras, A Caniceira e A Lardeira.

 

Cartel desta 16 xuntanza dos Labregos, realizado por Luis Álvarez.

 

 

Tamén participarán os folións de Fradelo (Viana do Bolo), Manzaneda, Buxán (O Bolo), Carracedo da Serra (A Gudiña), a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, os Arrieiros de Petín, Os Viticultores de Vilamartín, o folión de Queixa e o da Veiga.

O desfile percorrerá o casco vello, que acostuma encherse de público, e rematará na praza do Reloxo. Os Labregos, que contan coa colaboración do Concello na organización deste encontro, agradecen a presenza desta ducia de folións aos que agasallarán ao finalizar o desfile cunha merenda.

Artigos relacionados

Back to top button