Na xornada do sábado 27 de xuño celebrábase o campionato galego de orientación de distancia media en Siradella, xunto á praia da Lanzada (Pontevedra), á que asistían 7 representantes do club OUR-O de Valdeorras.
“Nunha mapa con grandes afloramentos rochosos e grupos de pedras, a dificultade radicaba en poder recoñecer cales eran os puntos de paso de cada un e de facer as transicións entre os controis no menor tempo posible e co rumbo correcto, e alí destacaron os nosos deportistas de base”, explican dende o club, destacando a actuación de Brais Rodríguez Cruz que conseguía o 1º posto consagrándose como campión galego na categoría M-14; e de Izan Balboa Calvo que conseguía a 3º posto na categoría M-12.

O domingo dentro da zona militar de Dpto. Porto Cuaces, en San Vicente del Mar celebrábase a 4ª proba da liga de orientación na modalidade sprint. “Nun mapa onde os percorridos combinaban os desprazamentos polas zonas boscosas da base cos túneles subterráneos da mesma, onde había que deixar o mapa de superficie para pasar a usar o mapa subterráneo, destacaron de novo os nosos representantes menores, Brais que repetía o 1º posto en M-14, Izán que conseguía a 4ª praza en M-12 e Mauro Rodríguez Cruz que lograba o primeiro posto na categoría de iniciación curta”, din dende o club, orgullos dos seus pequenos.
Con esta proba pechábase á primeira parte da tempada 2026 ata despois do verán. As probas volverán en setembro.

Fotos cedidas.

