A toma de decisións eficaz, a regulación da ansiedade e a conduta autolesiva e suicida. Arredor destes eixos xiran os tres talleres psicoeducativos que compoñen o proxecto “A ansiedade como forma de vida”, que está a desenvolver o psicólogo valdeorrés Brais Moldes. “Os tres tratan a educación emocional e van dirixidos á poboación adolescente e ao profesorado. Esta psicoeducación desencadea un desenvolvemento de habilidades fundamentais de cara á resolución de conflitos relacionados coa ansiedade”, explica. Neste outono impartirá esta formación en institutos de Valdeorras
¿Que é a ansiedade e por que lle interesa tanto?
É unha resposta fisiolóxica, como unha alerta do corpo que nos di que está pasando algo fóra que hai que subsanar. A ansiedade é como unha enerxía, unha resposta automática que te leva a emitir unha conduta. O seu obxectivo é que o individuo se adapte ao medio. Estudo a ansiedade porque é o punto de conexión entre algo que xurde automaticamente e algo que ti podes elaborar cognitivamente entón, se es capaz de controlar esa activación que sente o teu corpo cando xurde calquera emoción, es capaz de dar unha resposta adaptada ao medio.
¿E o trastorno da ansiedade?
Xurde cando unha persoa non pode xestionar esa activación, entón empeza a hiperventilar, o corazón latéxalle máis forte, comeza a ter os músculos tensos… Non dispón das ferramentas suficientes e oportunas para regular a ansiedade.
¿Cando empezou a afondar neste tema?
Alá polo 2020, mentres preparaba un texto para estudar dúas asignaturas da carreira: Psicoloxía da Educación e Psicopatoloxía infantil, que me apaixoaron. Cando lin o que escribira decateime de que era unha información moi valiosa, que seguramente aos mozos de 15 ou 16 anos lles viría moi ben. Entón, progresivamente, funme enfocando cara este tema, coa idea non só de estudar, senón tamén de expoñer este coñecemento, e así xurdiu o meu traballo de fin de grao na Universidade de Salamanca.
Despois fixen un máster en terapias de terceira xeración e no traballo final impartín un taller de regulación de ansiedade a uns 140 alumnos de ciclos superiores, baseado nos principios de habituación e sensibilización. Como obxecto de estudo usouse a memoria semántica (encargada de reter conceptos e ideas) a través dun test de coñecemento sobre o propio taller que se fixo antes e despois de impartilo.
Dos resultados dedúcese que hai unha satisfactoria interiorización dos conceptos considerados claves no taller, o que augura un desenvolvemento de habilidades tales como saber como funciona a ansiedade, como reacciona o noso cerebro ante ela, xerar seguridade no propio coñecemento, etc. Este coñecemento poderá ser usado despois en pos do autocoñecemento e a autodeterminación na búsqueda dun equilibrio baseado no autocontrol. Este primeiro taller resultou moi positivo e serviume dalgunha maneira para validar o meu taller actual de regulación da ansiedade.
Ao mesmo tempo seguiu formándose…
Si. Da carreira de psicoloxía saes cunha orientación moi cognitivo-condutual, co que a maioría da xente acaba traballando no eido sanitario, pero a min ese mundo non me acababa de encaixar e fixen un segundo máster de intervención infantoxuvenil que me ensinou as orientacións psicodinámica (máis relacionada co apego e co mundo inconsciente), sistémica (vinculada coa familia), humanista (centrada na propia persoa) e cognitivo-condutual (na sintomatoloxía) e como aplicalas á vida laboral.
E así chegaron os talleres de regulación de ansiedade…
A idea é conseguir que esa situación se encamiñe dende o instituto, que é onde están os rapaces e onde se pode intervir dende unha educación máis holística, máis ampla, que tamén teña esa parte de traballo emocional e comunitario. O relevante é o coñecemento, que vai facer que os xoves sexan independentes na aprendizaxe. Trátase de que ese coñecemento lles chegue canto antes mellor, para que poida ser aplicable a eles mesmos e tamén ao resto.
¿Como se organizan os talleres do proxecto?
Unha duración óptima sería unha semana, cunha sesión por día de 90 minutos, pero a maioría das veces hai que adaptalo aos 50 minutos que dura unha clase. O importante é que durante esa semana se cree un clima na aula no que poidamos realizar as actividades vinculadas a cada un dos conceptos, que son 45 no taller de ansiedade.
¿Cal sería a orde lóxica para os talleres?
Eu recomendaría empezar polo de regulación da ansiedade, logo continuar co de toma de decisións eficaz e co de conduta suicida e autolesiva.