Continúa a busca de Belén Rodríguez de 57 anos, a veciña desaparecida de Ourense o pasado 7 de abril. A Policía Nacional abandoou xa a busca xeral cos efectivos da Policía Local, Protección Civil e Policía Autonómica. Segundo informou a delegada de Participación Cidadá e Prensa da Policía Nacional, María Teresa Ramos Seguín, agora a busca vaise centrar en varios puntos concretos segundo as declaracións aportadas polas diferentes testemuñas. “Segundo as informacións achegadas onte (24 de abril) e o 20 deste mesmo mes, foi vista cara ás 15:30 horas do día 7 de abril na Praza Maior dirección aos Xardíns do Posío”. A isto engádense as declaracións dos rapaces que aseguraron tela visto ese mesmo día na Estación de Autobuses cara ás 19:00 horas. O propio Subdelegado do Goberno, Roberto Castro, asegurou que as testemuñas confirmaron que a desaparecida “presentaba un certo estado de desequilibrio mental”. En concreto, “tiraba dos pelos e maldicía contra si mesma”, engadiu Teresa Ramos.
Tendo en conta esas pistas, os axentes estableceron o coto de busca ao río Miño. Concretamente na marxe dereita estará a Policía Local e na esquerda os efectivos da Policía Nacional. En canto ao caudal, unha moto de auga de Protección Civil será a encargada do rastrexo. A todo este operativo íase engadir un helicóptero da Policía Nacional, que non puido actuar “por mor da borrasca entrante”, aclararon dende a Comisaría.
Por outra banda, a unidade canina, que veu dende Madrid e está formada por dous cans -un de vento e outro de rastrexo de cadáveres-, será a encargada de peitear a contorna da antiga Cidade dos Muchachos, na Bemposta. “Debido a declaración das testemuñas, na que aseguran que se dirixía cara ao Posío, e a vinculación que a muller tivo coa Cidade dos Muchachos naquel entón, non se descarta que estea por alá”, explicou Roberto Castro. Finalmente o rastrexo se estenderá até a Estrada de Vigo “dende Vilar até Covadonga”, dixo Ramos, xa que foi vista na Estación de Autobuses.
Por último, fontes policiais apuntan a que a busca amplíase farase tamén en Trives, xa que a desaparecida “ten unha casa rural situada no lugar e traballaba co seu irmán nas brigadas de incendios durante o verán”. Dende a Comisaría informaron que xa se fixera un primeiro operativo e que agora está proseguindo a Guardia Civil co apoio da coordinación do distrito 12 de incendios, xa que en Xunqueira de Espadanedo “era onde soían exercer ela e o seu irmán a colaboración con eles”, dixo Ramos.
Escola de Iluminación Ramtha
Fontes policiais apuntaron que Belén Rodríguez estaba vinculada a unha secta “non destrutiva”. En concreto, este grupo é a Escola de Iluminación Ramtha, unha secta fundada por unha muller estadounidense chamada Judi.Z. Knight que asegura ter sido iluminada por un deus chamán chamado Ramtha, un domingo 7 de febreiro de 1977 na súa casa en Tacoma (Washington).
Segundo explicaron fontes policiais, a desaparecida “non é unha integrante da secta pero si que era seguidora dos relatorios e cursos que daban os integrantes desta congregación en puntos distintos puntos da provincia, como en Trives”. Nestes obradoiros, explicou Teresa Ramos, ensinábanlle “como vivir cos produtos da natureza, motivo polo cal pensamos que a súa supervivencia pode ser maior que en outros casos de desaparecidos”.
Pola súa banda, o subdelegado do Goberno, Roberto Castro, confirmou que este tipo de grupos “non son sectas destrutivas pero, dalgunha maneira poden chegar a selo xa que, se manexan conceptos certamente visionarios, poden chegar a minar a unha persoa que non está ben mentalmente ou ten algún conflito interno”.
Polo momento, dende a Policía Nacional non poden asegurar se Belén Rodríguez está con vida ou non e, non caso de non atopala tras este rastrexo intensivo con efectivos doutras comisarías, continuarán coa busca con efectivos propios da Comisaría de Ourense.
Texto: Carlos Asensio.
Maís información sobre a desaparición aquí .