Este martes é un día moi especial para Cafersa. Esta empresa valdeorresa do sector da lousa vén de inaugurar neste 29 de setembro unha moderna e innovadora fábrica situada en Riodolas (Carballeda de Valdeorras). Desde 2008, Cafersa é unha empresa pertencente ao grupo alemán Rathscheck Schiefer, un dos principais produtores e comercializadores de lousa de primeirísima calidade, como parte tamén do grupo Wilh. Werhahn KG.
O acto contaba coa asistencia de numerosas actividades, entre elas o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández; o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos: e a alcaldesa de Carballeda e deputada provincial, María Carmen González: e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

O acto iniciábase en Riodolas coa intervención do xerente de Cafersa, o valdeorrés Daniel León. “Cando dende Alemaña nos propuxeron organizar este acto, tivemos claro que non queríamos que fose a típica inauguración, senón que pretendíamos que o puiderades ver de primeira man os avances, as innovacións tecnolóxicas que implementamos, grazas ao noso equipo de innovación, desenvolvemento e investigación; para que poidades vivilas. Estas melloras están pensadas para lograr unha actividade eficiente e sostible”, dicía pouco antes da visita guiada que as autoridades realizaban a estas novas instalacións.

Así mesmo, León, acompañado por directivos do grupo e tamén polo seu director de Operacións, Andrés Díaz, agradecía o apoio que “sempre recibimos da nosa empresa matriz, o Grupo Rathscheck Pizarras, para todos os que formamos parte de Cafersa é moi importante sentir esa confianza e ese respaldo. Hoxe acompáñannos aquí varios directivos da compañía”.

Tras as visitas, tiñan lugar as intervencións das autoridades. Así o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, resaltaba que “a lousa galega continúa sendo unha referencia mundial e para a Xunta segue sendo unha actividade esencial, tanto polo seu impacto económico como polo seu peso social e territorial”.
“Forma parte da identidade industrial de Galicia e, particularmente, da identidade da comarca de Valdeorras”, salientou. Nesta liña, puxo en valor o sector galego da lousa “que leva décadas xerando riqueza, emprego de calidade, coñecemento técnico e proxección internacional”.
O director xeral apuntaba que o futuro do sector dependerá en gran medida da capacidade para atraer talento, incorporar coñecemento, cualificación e innovación aos seus procesos produtivos e lembra que o Goberno galego, consciente desta realidade, mantén o seu apoio ás empresas que apostan pola modernización cunha liña de axudas destinada a favorecer a competitividade do sector.
Finalmente, Fernández Vila agradecía a todos os empresarios, directivos e traballadores o seu esforzo “que fai posible que a lousa galega siga ocupando unha posición de liderado no mundo”. Por engadido, felicitou a todo o equipo de Cafersa, referente no sector mineiro, por este novo fito que contribuirá a fortalecer a industria extractiva e transformadora galega e a fixar poboación no rural.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense poñía en valor o feito de que Cafersa fortaleza o seu arraigamento na comarca a través deste proxecto. Neste sentido, dirixiuse aos responsables da firma para aplaudir que afronten “os grandes retos do futuro con moita valentía, pero sen perder xamais a vosa profunda vinculación co territorio”.
Unha consolidación en Valdeorras que se materializa, continuaba, mediante a construción dunhas novas instalacións que destacan por ser modernas e eficientes, destacando a optimización dos procesos, a mecanización e a incorporación de novas solucións tecnolóxicas.

Para o presidente da Deputación, a ambiciosa aposta de Cafersa marca “un antes e un despois” no sector da lousa en Valdeorras. Subliñaba así que as empresas da comarca demostran unha enorme capacidade de evolución para dar resposta á “crecente demanda mundial de materiais de construción naturais e sostibles”.
Reivindicaba Menor o “papel insubstituíble” que xogan as empresas louseiras como “grandes xeradoras de riqueza e de emprego na nosa provincia”, asegurando que proxectos como este envían á sociedade “unha mensaxe moi potente” sobre a necesidade de valorizar os recursos da provincia para garantir o progreso local. O presidente, que lembraba a colaboración “continua, fluída e presencial” que a institución mantén co Clúster da Pizarra de Galicia e concluíu a súa intervención garantindo o respaldo ao sector. “A Deputación de Ourense ten o deber defender e poñer en valor á industria da lousa”.
Fotos: O SIL.
En breve ampliarase información e galería fotografáfica.
