EconomíaEconomíaÚltima hora

“Caldo de Gloria” en Celanova para celebrar o Día de Rosalía

 

 

No mes de febreiro celébrase o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e para celebralo a Fundación Rosalía de Castro puxo fai anos en marcha unha iniciativa destinada a implicar á hostalería da vila na divulgación da escritora, propoñéndolle ós negocios que elaboraran un caldo seguindo a receita que Rosalía de Castro describe no poema “Miña casiña, meu lar”, ó cal bautiza como “CALDO DE GLORIA”.

No marco do proxecto de consolidación dun itinerario do Rexurdimento, a iniciativa ampliouse desde fai uns anos a Celanova coa elaboración dun caldo na lareira da Fundacións Curros Enríquez coa colaboración da Asociación de Amas de Casa “Ilduara”. Co caldo haberá unha foliada na que se lerá o poema de Rosalía de Castro e na que participarán a Banda de Gaitas do Concello de Celanova e o Grupo Lembranza Solpor.

Feita a proposta por parte da fundación Curros Enríquez para o VENRES 27 DE FEBREIRO , a hostalaría de Celanova respondeu un ano máis magnificamente á mesma confirmando a súa participación un total de 23 establecementos entre os que se atopan restaurantes, cafeterías e taperías. A altísima porcentaxe de participación (que ronda o 65% do total da hostalería na vila) dá mostra da sensibilidade deste sector, que co seu apoio arroupa as iniciativas nas que a literatura ten a súa parte protagonista.

Nestes establecementos celanoveses, os restaurantes o día 27 incluirán o “Caldo de gloria” na súa carta do día, mentres que os bares, tabernas, etc., ofrecerán unha cunca de caldo ós seus clientes como complemento ó consumo da bebida. Con tal motivo a Fundación Curros Enríquez distribuirá entre os negocios participantes salvamanteis co poema de Rosalía de Castro para que a lectura da poesía acompañe nesta celebración, material proporcionado pola Fundación Rosalía de Castro.

Dende a Fundación Curros Enríquez, convidamos, pois, a quen queira acompañar a celebración do aniversario de Rosalía de Castro comendo un caldiño, para que se achegue a Celanova e goce das actividades que acompañarán esa xornada protagonizadas pola poesía da figura máis representativa e querida das letras galegas.

Listado de establecementos participantes no Caldo de Gloria en Celanova

1.    A taberna da Lola
2.    A Taberna do Galo
3.    Administración Gastro-bar
4.    Amarelo Restaubar
5.    Bar Londres
6.    Café Bar Bohemia
7.    Café Bar Espolón
8.    Café Bar o Novo Parderrubias
9.    Cafetería Centro Sociocomunitario
10.    Cafetería San Rosendo
11.    Casaberta
12.    Estudio 5 Café Pub
13.    Mesón Vieira
14.    Novo Alento Bakery Coffee
15.    O Bodegón
16.    Parrillada Celanova
17.    Parrillada O Cristal
18.    Restaurante Alquimia
19.    Restaurante O Forno do Lito
20.    Sabores
21.    Taberna O Tellado
22.    Tapería A Esmorga
23.    Teleclube Vilanova

Back to top button