OurenseÚltima hora

Campionato de España de Helicópteros de Radiocontrol en Ourense

Un total de 11 pilotos de diversos puntos do eido nacional participarán na proba de aeromodelismo que se celebrará esta fin de semana en Santa Mariña
Mon, Vázquez, Prada e Guede, esta mañá no Concello. // Foto: S.F.
Mon, Vázquez, Prada e Guede, esta mañá no Concello. // Foto: S.F.

Ourense será escenario esta vindeira fin de semana do Campionato de España de Helicópteros de Radiocontrol F3C. Trátase dunha competición de aeromodelismo na que participarán 11 pilotos procedentes de Asturias, Castela-León, Logroño, Madrid, Navarra e Valencia pero tamén da propia cidade. O espectáculo comezará a partires das 15 horas do sábado 17 nas instalacións do Club Aeromodelismo Ourense, en Santa Mariña, e terá entrada gratuíta. A actividade foi presentada esta mañá no Concello nun acto no que estiveron Ángel Mon e David Prada en representación do clube organizador, o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, e o concelleiro de Deportes, Mario Guede.

“É unha proba visualmente atractiva”, subliñaba Prada, quen tamén competirá en representación de Ourense e de Galicia. Explicaba que haberá dúas categorías -absoluta e avanzada- e que deberán facer unha táboa de 10 manobras en posición estacionaria e outra proba a grandes velocidades, todo supervisado por catro xuíces deportivos que non perderán de vista o ceo. Os gañadores conformarán a selección española para outras probas a nivel internacional.

En canto aos horarios, o público poderá achegarse a Santa Mariña a partires das 15 horas do sábado, cando se disputará a primeira das tres mangas que previsiblemente se celebrarán na mesma tarde. O domingo levarase a cabo a última das mangas, a partires das 11 horas.

“É unha iniciativa moi importante para Ourense porque significa vida e ocupación hoteleira”, valorou o rexedor local, que convidou aos cidadáns a participar nun espectáculo que promete piruetas imposibles con helicópteros teledirixidos de até seis kg.

Guede destacaba tamén a afección da cidade de Ourense por este tipo de deporte que, aínda que “minoritario”, “estivo moi arraigado a partires dos anos 50”. Lembrou así a antiga pista de aeromodelismo que existía onde hoxe está o Pavillón de Os Remedios e resaltou o esforzo do seu departamento na conservación desta disciplina.

Artigos relacionados

Back to top button