En portadaÚltima horaVídeos

Carballeda de Valdeorras pon en valor o comercio de proximidade cun animado mercado de Nadal nesta fin de semana

Situado nunha carpa no aparcamento de Sobradelo, o seu acto inaugural tiña lugar esta tarde coa asistencia da alcaldesa de Carballeda, do director de Turismo de Galicia e do director xeral de Comercio

 

Con moita música, alegría e multitude de persoas abría as súas portas a primeira edición do Mercado Navideño de Carballeda de Valdeorras a partires das 16h. deste sábado 14 de decembro. De feito os máis pequenos convertíanse en protagonistas desta aperta, xa que bailaban e cantaban, tamén acompañados dos adultos, ao ritmo de As Pamisuki, nun recinto feiral situado nunha carpa no aparcamento de Sobradelo.

Neste mercado poden vistarse ao longo desta fin de semana unha vintena de postos de produtos de calidade que van dende a artesanía, empregando diversos materiais (dende madeira, coiro ou metal), pasando por prendas de vestir, diversos adornos, libros e mesmo perfumes e viños.

O acto inaugural da mostra tiña lugar ás 18h. cun recinto cheo de público e nel participaban a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o director xeral de Comercio, Gabriel Alén.

 

 

A rexedora de Carballeda daba a benvida e agradecía ao público a súa presenza e tamén desexaba que as dúas xornadas do mercado “sexan de moita ledicia, que sexa un preludio de moita alegría e ilusión para o próximo Nadal”. Así mesmo animaba ás compras, destacando a calidade do comercio, así como a súa importancia. Ademais amosáballes o seu apoio, así como a dos dous representes da Xunta que acodían ao acto.

 

 

“É difícil atopar un público tan variado, de nenos de 2 anos para arriba, e de adultos, os pais e mais, e para nós dende a Axencia de Turismo de Galicia é unha satisfacción colaborar con esta iniciativa na que se poñen en valor recursos comerciais de Carballeda de Valdeorras. É unha idea estupenda da alcaldesa, que en canto nolo comunicou non dubidamos en colaborar dende Turismo de Galicia. Esperamos que esta iniciativa poida atraer xente do resto da comarca e de fóra”, sinalaba o director de Turismo de Galicia.

 

 

Tamén o director xeral de Comercio resaltaba o positivo desta iniciativa do Concello, “foi unha sorpresa moi positiva”, dicía, “e, por iso, quero felicitarvos a todos, felicitar primeiro aos veciños do municipio e á vosa alcaldesa, que é capaz de todo por vós, a verdade é que move montañas para ter o mellor para Carballeda de Valdeorras. E, como non pode ser doutro modo, dende a Xunta, dende Turismo, dende Comercio temos que seguir impulsando e apoiando a aqueles que traballan con esa ilusión como a que traballa María Carmen e que se transmite nos ollos destes rapaces e rapazas que están aquí en primeira fila”.

Alén facía así mesmo unha mención especial aos comerciantes, “que neste tempo, que agora debera ser o seu tempo libre, sábado pola tarde e domingo, seguen traballando. Eles dan color, vida, luz ás nosas rúas, ás nosas vilas e ás nosas cidades, e veñen tamén aquí a Carballeda de Valdeorras a dar esa luz durante esta fin de semana, e polo tanto, un forte aplauso para todos, en especial para os comerciantes, moitísimas vendas”, concluía.

 

 

A partir de aí, as autoridades realizaban un percorrido por cada un dos expositores presentes do mercado, no decurso tamén se servía un chocolate ben quentiño, acompañado de churros”.

Pola noite, arredor das 23:00h, o grupo valdeorrés Patio de Leni ofrecerá un concerto para que mozos e maiores gocen de boa música e ambiente. Xa o domingo 15, ao redor das 12:00h o ambiente estará animado con música tradicional con pasarrúas incluído e, pola tarde, ás 16:00h. Pulpiño Viascón, o home orquestra, amenizará a visita e as compras no mercadiño coa súa divertida música. Tamén o domingo se repartirá chocolate quente para quen o desexe.

 

 

“O obxectivo principal é mesturar lecer e economía para relanzar o comercio tradicional que está a sufrir retroceso ante a competencia das grandes superficies e das compras por internet. É importante valorar o servizo público do comercio nos pobos e animar aos veciños para manter este ben social na comarca de Valdeorras”, sinala a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

 

Back to top button