ConcellosCulturaCulturaEn portadaO BoloÚltima horaVídeos

Carlos Domínguez: “Dedico este pregón a esa xeración de galegos/as que viron na emigración a única esperanza de labrarse un futuro”

O pregoeiro da II Festa Irmandiña do Bolo abría a celebración cun emotivo discurso no que lembraba ás súas orixes bolesas

 

“Non o ides crer, irmadiños e irmandiñas, pero veño do futuro. Nada menos que do ano 2024”. Deste xeito iniciaba este mediodía de 14 de agosto o científico e músico Carlos Domínguez a súa intervención como pregoeiro da II Feira Irmandiña do Bolo, coa que se rememora dun xeito festivo o asalto ao castelo bolés que acontecía alá polo século XV por parte dos Irmandiños.

Confesaba tamén a honra e orgullo de ter sido escollido para este primeiro pregón, no que dun xeito emotivo, rendía tributo á súa familia, con referencias directas, primeiro, á súa avoa. “Podo afirmar que a muller máis sabia que coñecín na miña infancia, e á que todo me daba resposta, non sabía ler nin escribir, prezo que naqueles primeiros anos do século XX tiñan que pagar moitas mulleres de familias humildes e, máis se nacían entre varóns. Esa muller era a miña avoa Hortensia, que veu ao mundo a finais de 1911 en Vilaseco e que casou co meu avó Aurelio, natural de Celeirós, e alí viviron”, comentaba.

 

 

E, deseguido, Domínguez lembraba á súa mai e ao seu pai. “Unha muller que alá por 1956, que para poder axudar na casa, onde sen ser pobres, nada lles sobraba, ía dende Celeirós camiñando ata Cambela, onde esperaba que algún dos camións que ían levar material e traballadores a Alberguería, onde se estaba construíndo a presa, tivera a ben levala. Unha vez alí, traballaba limpando as casas habilitadas para os enxeñeiros, por un soldo misarable e traballando de xeonllos. Esa moza, de nome María, que cos anos sería a miña mai, cando cumpriu 18 botou á fogueira os seus medos e non dubidou en gastar todos os seus aforros nun billete de tren que a levaría a París, foi alí, cando un día foi recoller a unha muller valente, a súa gran amiga Orfelina que chegaba dende Buxán, onde por azar coñeceu ao meu pai, Ángel, natural de Valdanta”.

Ademais dedicaba este primeiro pregón da Feira Irmandiña á xeración, como foi o caso dos seus pais, que tivo que emigrar para darlle un futuro mellor aos seus fillos. “Os meus pais non son máis que un exemplo do que deron toda unha xeración de galegos e galegas que viron na súa migración a única esperanza para labrarse un futuro, así que, para todos eles que tanto fixeron que tanto fixeron para dar unha vida mellor aos que viñemos despois, dedico este pregón e pido un forte aplauso”.

Despois falaba de como os seus pais se traslaban a Madrid, “onde cheguei eu e a miña irmá”, e como co exemplo de esforzo e traballo dos seus pais, formouse e chegou a súa licenciatura en Física e o doutorado posterior, “pero tamén tiña inquietudes artísticas e primeiro foi pintar, e logo escribir e cantar, e se hai algo do que me alegro e nunca ter deixado de facelo e así animo a quen se poida sentir reflexado”. Tamén contaba o seu orgullo de ter levado as súas cancións ao Líbano, por ter levado “ilusión e esperanza a un lugar onde as bombas caían tan cerca que ata podiamos escoitalas, e onde o abuso e a inxustiza e o pan de cada día”.

 

 

E remataba lembrando as súas orixes bolesas, das que presume con orgullo. “Sempre, alá onde vou, levo o nome desta terra onde sinto orixe e centro. Dicía Rilke que a verdadeira patria do home é a infancia, quizais por que é nesa etapa onde creamos a nosa noción de fogar e os nosos recordos que tamén son os soños, que son os que nos manteñen espertos. Pois esa patria miña da infancia sempre estará nestas terras do Bolo, onde teño familia e tantos amigos. Volver cada ano e poderme mirar no mellor dos espellos, que é a mirada de cada un deles, é sen dúbida o meu cable a terra”.

 

O pregoeiro Carlos Domínguez./ Foto: O SIL.

 

Carlos Domínguez remataba apelando aos Irmandiños “para que este alzamento teña lugar moitos anos máis, que son moitos os abusos e as inxustizas contra as que este mundo debe aínda loitar.  Boleses e bolesas feliz día a todos! E grazas de corazón por terme concedido este privilexio, moitísimas grazas!”.

Acto inaugural

O pregón formaba parte da inauguración da II Festa Irmandiña do Bolo, un acto que abría o alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, acompañado por outros membros da Corporación bolesa e tamén polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.

 

O alcalde do Bolo, na apertura da II Feira Irmandiña./ Foto: O SIL.

 

“Esta feira xurdiu o ano pasado no equipo de Goberno coa idea de impulsar os recursos do municipio, tanto patrimoniais como gastronómicos e artesáns”, dicía o rexedor, quen destacaba tamén as raíces bolesas do pregoeiro nas aldeas de Valdanta e de Celeirós, “el tira pola nosa nosa terra”. Daba a benvida a veciños e visitantes á celebración e agradecía o seu apoio, cunha mención especial á veciñanza do Bolo, ao persoal do Concello e á xente do Centro do Maior, pola súa colaboración ao engalanar a localidade.

 

 

“Hoxe vai ser un día intenso”, adiantaba Alberto Vázquez, lembrando que o programa se iniciaba ás 11h. coa apertura da mostra de artesanía na contorna do castelo do Bolo, que continuaba cun xantar nesa mesma zona zona con pulpeiro e porco ao espeto e despois “á tarde, vemos que a xente xa se animaba a vir de época, que é o que pretendemos nós, para dar a coñecer a nosa historia. Logo haberá unha interpretación de teatro pola tarde e virá a Abertal para animar a festa con cantos de taberna, para rematar a noite co videomapping como colofón da festa e mañá comezarán as festas patronais do Bolo”.

 

 

Deseguido, tomaba a palabra o subdelegado do Goberno en Ourense, quen confesa que “dá gusto estar aquí, hai un ambiente espectacular e está preciosa a localidade”. Ademais apuntaba que iniciativas como a desta feira “contribúe a desenvolver o rural, tanto a través dos seus produtos como a través da actividade turística e cultural desta romaría irmandiña, que pon en valor os recursos e o patrimonio cultural”.

 

O subdelegado do Goberno en Ourense./ Foto: O SIL.

 

Tamén lembraba que o Goberno de España, nesta liña, financia tres iniciativas no Concello do Bolo que “o alcalde e a Corporación, con moita vista, propuxeron para desenvolver O Bolo e fixar poboación nel, que son unhas liñas nas que se traballan os tres grandes problemas do rural: unha liña de axudas para restaurar vivendas, unha oficina de emprendemento e poñer en valor os recursos arqueolóxicos e turísticos boleses”. Despois, os asistentes desfrutaban da mostra e do resto da celebración.

Fotos e vídeos: O SIL.

En breve ampliarase información e publicarase unha ampla galería fotográfica sobre a Feira Irmandiña.

 

Back to top button