Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

Carmen Dacosta: “O 18 de febreiro temos a oportunidade de pór fin ao desmantelamento e os recortes do PP en Valdeorras”

A cabeza de lista do PSdeG-PSOE por Ourense ofrecía un mitin no Barco no que estaba acompañada polo número 4 da lista, Eladio Santos, o alcalde do Barco e a ministra de Educación

 

O Teatro Lauro Olmo do Barco acollía na tarde deste 9 de febreiro un mitin do partido socialista que contaba coa presenza da cabeza de lista por Ourense, Carmen Dacosta, do número 4 da lista, Eladio Santos, así como coa ministra de Educación e voceira do goberno central, Pilar Alegría. O acto abríao o alcalde do Barco, Alfredo García, aludía ao “progresivo desmantelamento da sanidade pública”, que cualificou coma un “escándalo” e sinalou que a veciñanza do Barco e da comarca “padéceo a diario, cun hospital que cada vez ten menos especialistas, menos servizos e menos traballadores”. Neste senso tamén puxo o foco en que “ano tras ano imos a peor, cun goberno autonómico que desmantela os servizos fundamentais para o Barco e a comarca, buscando o peche do hospital comarcal”.

García referíase tamén á infraestruturas asegurando que o PP “leva anos desleixando á comarca” e apuntou a que “durante o goberno de Rajoy os proxectos urxentes da comarca estiveron paralizados e foi o PSOE que os puxo en marcha cando entrou no Goberno”. Neste senso apuntou que 2da man de Besteiro melloraremos a estrada que une A Rúa coa Gudiña, que precisa da creación de terceiros carrís, para unha mellor comunicación coa estación do AVE”.

 

 

 

Pola súa banda, Carmen Rodríguez Dacosta, cabeza do partido socialista por Ourense ás eleccións galegas, aseguraba que Valdeorras “é dos mellores exemplos que temos na provincia da destrución da sanidade pública que está levando a cabo o PP”. E afirmaba que Rueda “quere seguir co plan que lle deixou marcado Feijóo, para converter o Hospital Comarcal de Valdeorras nun simple centro de saúde e reducir de xeito paulatino os servizos nos centros de saúde da bisbarra, co obxectivo de rematar por pechalos”. Tamén destacaba que “o 18 de febreiro temos a oportunidade de pór fin ao desmantelamento e os recortes do PP en Valdeorras” e facía fincapé en que “da man de Besteiro como presidente Valdeorras vivirá unha nova transformación como xa aconteceu durante o mandato de Emilio Pérez Touriño”.

A continuación tomaba a palabra o valdeorrés Eladio Santos, número 4 da candidatura socialista, quen resaltaba a forma que ten de traballar o PSdeG-PSOE “conseguindo información nos concellos, escoitando á veciñanza e buscando solucións os seus problemas e necesidades, cun proxecto dende abaixo no que o máis importante son as persoas”. Ademais aseguraba que Valdeorras “vive unha longa lista de problemáticas, sendo a principal o grave problema sanitario que temos no hospital comarcal, con servizos desmantelados, listas de agarda de numerosos días, falta de especialista e co aumento de derivacións ao CHUO”.

 

 

Santos Martínez remarcaba tamén que Valdeorras e Ourense “necesitan un cambio de goberno, porque o PP está pondo en perigo o estado de benestar e só se preocupa en facer propaganda, ata vendendo como propios investimentos feitos polo Goberno central”. O candidato socialista afirmou por último que o 18 de febreiro “remataremos con anos de desleixo, abandono, discriminación e marxinación e optaremos por un novo modelo de xestión, con Besteiro ao fronte do goberno galego, que dará resposta a tódolos problemas da veciñanza de Valdeorras”.

 

 

 

Finalmente, a ministra de Educación, Pilar Alegría, dicía que o partido socialista aposta “por tres piares claves dende o Goberno como son o emprego, os dereitos sociais e a convivencia” e que ” o país traslada hoxe unha imaxe forte e en plena forma, motivada polo crecemento da economía española a un 2,5%, moi por riba das previsións, o que deixa claro que o PSOE aposta polo crecemento económico, a creación de emprego, a subida das pensións e o potenciamento de sectores claves como o turismo”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button