PolíticaÚltima hora

Carmen Rodríguez: “Hai unha situación de desmantelamento no Hospital de Valdeorras”

A deputada socialista no Parlamento galego daba unha rolda de prensa esta mañá no Barco para abordar o momento que vive a sanidade neste distrito

 

“Valdeorras é o paradigma do desleixo da Xunta de Galicia”. Así o aseguraba en rolda de prensa esta mañá diante do Hospital Público de Valdeorras a deputada socialista no Parlamento galego Carmen Rodríguez Dacosta, acompañada de diversos representantes deste partido na comarca. Falaba ademais dunha situación de “desmantelamento deste hospital, que atende a trece concellos e a unha poboación de 30.000 ourensáns que está desatendidos, unha falta de especialistas, unha lista de espera tremenda e, ante isto, a Xunta de Galicia debe tomar medidas, ten as competencias en materia sanitaria e para iso estamos aquí, facendo ese chamamento para que o domingo toda persoa que poida se desprace a Santiago de Compostela para falar alto e claro”, comentaba a deputada en referencia á manifestación convocada para o 6 de abril en Santiago de Compostela.

O obxectivo, proseguía Rodríguez Dacosta, é “reivindicar o que temos que ter nesta hospital, o que tiñamos hai dez anos, que partiu dunha decisión desacertada totalmente que foi integrar a área do Barco na de Ourense, esta poboación necesita este empuxe por parte da Xunta”.

Ademais, esta deputada aseguraba que o partido socialista presentará no Parlamento de Galicia unha serie de iniciativas para que as prazas de especialistas que están baleiras no hospital barquense “sexan ocupadas á maior brevidades, porque nos encontramos con que a veciñanza, os pacientes deste hospital teñen que facer unha ecografía en Ourense, trasladarse unha hora e media se falamos do Barco ou dúas ou máis horas se falamos doutros puntos da comarca para facer unha proba de 10 minutos”.

 

 

Falaba, así mesmo dunha carencia de médicos de medicina interna, “neste momento só hai 4, cando na comarca temos 17 residencias da terceira idade e unha poboación moi envellecida, cando deberíamos ter 10 médicos e unha praza de xeriatra. E tamén un neumólogo é unha reivindicación do máis realista xa non só polo problema da silicose, e faremos unha batería de inicaitivas reividincando ese neumologo para esa e outras patoloxías que teñen que ser atendidas neste hospital”.

Na rolda de prensa tamén participaba o presidente da Xunta de Persoal, Víctor Pariente, quen sinalaba que “os piares básicos da atención sanitaria no distrito cargáronos. Un no 2010, cando quitaron a área. Outro dos piares fundamentais da atención sanitaria é a Atención Primaria, que está descoidada por completo, como é o caso dos pediatras e dos médicos de familia. No hospital os piares esenciais son medicina interna, traumatoloxía, radioloxía e rehabilitación, xunto cos demais, esas catro especialidades están infradotadas e iso xera un número de listas de espera importantísimas”.

Pariente apunta que “ante iso non se busca solución dende a Xunta, só se poñen escusas, non teñen rematada a OPE de estabilización que é o que garantiría que os 15 especialistas, que se foron volvan a repoñerse. Pero tamén o resto do persoal está esperando esa estabilización, esa é a realidade, non hai unha rotación para que o hospital e a Atención Primaria teñan o número suficiente de efectivos necesarios para atender á poboación”.

Por outra banda, o concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, apuntaba que “non hai un proxecto para este territorio, para Valdeorras, Trives e Viana que compoñen o Distrito Sanitario do Barco. O proxecto é ignorar á cidadanía, como é o caso dos afectados da silicose, as respostas que dan son incoherentes e que non se xustifican”. Neste senso, animaba á participación na manifestación do vindeiro domingo para a cal o PSdeG-PSOE de Valdeorras porá autobuses á disposición da cidadanía, para anotarse pode chamarse ao teléfono 649 95 52 18 ata o xoves ás 12h.

Fotos: O SIL.

Back to top button