Elección galegas 18F - 2024EntrevistasPolíticaÚltima hora

Carmen Rodríguez: “O PSdeG defende un reequilibrio territorial e o apoio ás infraestruturas”

A número 1 da candidatura do partido socialista por Ourense asegura que "este abandono e este desinterese do goberno galego pola provincia vaise converter con Besteiro en todo o contrario"

A cabeza de lista do POSdeG-PSOE por Ourense, Carmen Rodríguez.

 

“Hoxe, máis que nunca, Galicia necesita un cambio e estamos convencidos de que se vai producir o vindeiro 18 de febreiro”, asegura Carmen Rodríguez Dacosta, que encabeza a lista do PSdeG-PSOE pola provincia de Ourense nas eleccións galegas. Licenciada en Dereito, técnica en Prevención de Riscos Laborais, foi delegada de persoal da Xunta de Galicia dende agosto de 2005 ata abril de 2009, delegada de Persoal e Recursos Humanos entre maio de 2009 e maio de 2013 (con delegación competencial), concelleira en Ourense dende maio de 2015 ata maio de 2019 e parlamentaria autonómica na IX lexislatura, 2020-2024.

Rodríguez Dacosta séntese optimista de cara a cita electoral do vindeiro domingo e asegura que “que hai un movemento dentro da xente que igual hai catro anos non se percibía, nótase cansanzo porque a cidadanía ve que Ourense esmorece polo desinterese, por un abandono e unha marxinación”.

¿Que supón para vostede encabezar por vez primeira a lista do PSdeG na provincia de Ourense nunhas eleccións galegas?

Unha ilusión e tamén unha gran responsabilidade que asumo con ganas, con esforzo. Estamos facendo unha campaña moi bonita, moi preto da xente, con cercanía, percorrendo a provincia e tamén a cidade de Ourense. Estamos falando con moitos colectivos e sentímonos moi ilusionados e contentos e con ganas de cambio con Xosé Ramón Gómez Besteiro, un candidato realmente preparado para este momento que temos por diante.

É certo que eu fun nas listas nas anteriores eleccións autonómicas, de número 3, e estes catro anos foron de intenso traballo, de multitude de iniciativas para a provincia de Ourense, de propostas que,  unha e outra vez, o PP desterraba votando en contra, aínda que eran propostas en positivo para cambiar o mundo ourensán e o rural, iniciativas para crear emprego e que melloraran a calidade de vida da xente, pero o certo é que caian en saco roto. E resulta incrible que iniciativas que desbotaron no seu momento agora as están anunciando eles en plena campaña electoral.

¿Como é a candidatura do PSdeG pola provincia de Ourense?

Está composta por xente con moita experiencia como o número 2, Nacho Gómez, que foi alcalde en Ribadavia e deputado provincial e ten experiencia de xestión; como Áurea Soto, número 3, a miña compañeira que foi tamén concelleira na cidade de Ourense, secretaria da executiva galega de vivenda e urbanismo, unha experta nesa materia. Ademais está Lalo Santos do Barco, unha persoa moi preparada e loitadora, temos tamén xente moza e moita máis que nos acompaña.

Tras a túa experiencia no Parlamento galego, ¿que protagonismo diría que tiña nel e no goberno da Xunta a provincia de Ourense?

Hai unha discriminación totalmente positiva cara a zona atlántica e a zona interior como Ourense era unha gran abandonada por Rueda e antes por Feijóo. De feito en toda provincia non temos un proxecto de referencia que se poida mencionar como un foco de creación de emprego e de estabilidade para que a xente moza poida quedarse a vivir. Nin tampouco hai ningún proxecto estratéxico en infraestruturas. So hai titulares como os plans termais que sempre anuncian e logo son baleiros de contido.

Ademais, non estaban preparados para a chegada do AVE, que veu da man do partido socialista, e non crían en Ourense como porta de entrada de Galicia. E iso notábase nas iniciativas e nos orzamentos que elaboraba a Xunta, onde non se vía reflexado ese impulso a Ourense.

 

 

¿Cal é o proxecto que defende o partido socialista para a provincia de Ourense?

Nós defendemos un reequilibrio territorial. Nas primeiras medidas que anunciaba Besteiro xa mencionaba un investimento do dobre por habitante tanto en Ourense como en Lugo nos primeiros orzamentos. E tamén apoiar as infraestruturas, o plan estratéxico termal, proxectos como centros de saúde e o investimento en sanidade.

A cuestión sanitaria é algo que nos ocupa e nos preocupa tanto en Ourense como nas comarcas. En Valdeorra estase a vivir unha situación de desmantelamento, o PP de Feijóo e o de Rueda queren converter o hospital comarcal nun centro de saúde, sen dermatoloxía, cun só olfaltmólogo, colapsos en urxencias, con derivacións a Ourense…

Logo está a falta de pediatría, só unha ambulancia na provincia de servizo vital avanzado, cando Lugo por exemplo ten tres, esa é a diferenza coa que nos atopamos. Un sistema sanitario en Valdeorras ou en Verín que é insostible. Temos que mudar este goberno e ten que ser un socialista o que encabece este cambio e nós estamos traballando para que iso sexa así.

¿Que lle dirías aos electores para que vaian votar o 18F e respalden a candidatura socialista?

Pedimos o voto porque se Ourense se mobiliza, esta marxinación da que falaba, este abandono e este desinterese vaise convertir con Besteiro en todo o contrario. El é un home que ten proxecto e experiencia de xestión como presidente da Deputación de Lugo e no propio Concello de Lugo. Besteiro é un candidato que sabe o que é importante e agora temos un cambio tanto en dixitalización como en enerxías verdes, como en moitos retos, con fondos europeos que van vir e que, se temos un presidente preparado, con fío directo co propio presidente español, con Pedro Sánchez, pois isto vai ser moito máis doado de levar.

E obviamente pido a todos os votantes, mulleres e homes, mozos e mozas, que non queden na casa, que vaian votar, que mobilicen tamén no seu entorno e que crean que co partido socialista de Galicia vai haber un cambio moi positivo para Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button