ConcellosO BoloÚltima hora

Case 261.000 euros para o mantemento e restauración da Casa Grande de Viloira (O Barco)

 

Restaurar, consolidar e poñer en valor a Casa Grande de Viloira (O Barco), unha edificación con máis de 400 anos de historia. Este é o obxectivo das obras de mantemento e restauración que a Xunta pretende acometer no vindeiro ano neste inmoble, que no ten as súas oficinas en Valdeorras. Así o adiantaba esta mañá o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, que presentaba o proxecto nun acto no que estaba rodeado por diversos representantes políticos, entre eles os alcaldes do Barco e Rubiá e a alcaldesa de Carballeda e o xefe territorial de Emprego na provincia, así como o presidente do IEV.

Esta actuación, “cun alto valor cultural”, suporá un investimento total de 290.901,39 euros e incluirá tres actuacións principais: a restauración da fachada (cun novo enfoscado de cal hidráulica vista, a restauración e consolidación da pedra vista e o saneado de carpinteiría de madeira e forxa), rehabilitación de dous pórticos (o sur, cun novo enfocado de cal hidráulico e saneado da carpintería de madeira; e o este, no que se fará un saneado da pedra vista e os elementos de forxa) e saneado de cuberta de lousa  (limpeza de canles e baixantes, recolocación de lousas e reparación de limas e canles ocultos de chumbo).

“Este proxecto xa foi supervisado pola Xunta de Galicia e xa se presentou no rexistro de entrada do Concello do Barco para pedir a preceptiva licenza municipal, e cóntase con todas as autorizacións sectoriais”, aseguraba o delegado da Xunta en Ourense.

A Casa Grande de Viloira data de 1637 e a súa anterior rehabilitación tiña lugar en 1996. A superficie da súa fachada suma 1.050 m2 e a de carpinteiría 300 m2, mentres que a superficie de cuberta de lousa chega aos 1.360 m2. “Actuarase sobre a parte común e exterior do edificio, tanto nas cubertas como nas fachadas. Para min este proxecto ten unha dobre finalidade, primeiro a restauración da Casa Grande de Viloira, unha das xoais arquitectónicas, patrimoniais e históricas de Valdeorras. Pero logo está a súa importancia como sede administrativa que visitamos todos para calquera consulta relacionada coa Xunta de Galicia”, sinalaba Gabriel Alén.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button