EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Case mil persoas na “Semana do Ribeiro” en Ourense

Túnel do viño, catas guiadas e a tradicional gala de entrega de premios eran os eixos da programación

 

Cun “bo sabor de boca”, tanto entre os participantes como entre a organización, remataba a Semana do Ribeiro, celebrada do 22 ao 26 de novembro en Ourense. Así o vén de resaltar o presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares, quen se mostrou “totalmente satisfeito” pola boa resposta do público nas actividades propostas, entre as que destacan a Gala de Entrega dos Premios D.O. Ribeiro e as catas guiadas, con aforos ao completo, e moita presenza en redes sociais.

“Superamos as expectativas que tiñamos ao principio, tanto no desenvolvemento das actividades como na resposta do público”, explicaba Casares Gandára, destacando tamén o éxito dunha gala “á altura do prestixio e marca Ribeiro”, aproveitando para lembrar que “un dos nosos obxectivos con estas actividades era espertar a memoria histórica de Ourense e estreitar lazos coa cidade, algo que tamén conseguimos”. De fronte ao futuro, Casares adiantou a intención do C. R.D.O. de organizar outro programa “moito máis ambicioso”, sen esquecer que o exercicio do 2021 foi o que supuxo “maior esforzo en investimento económico para accións de promoción”.
Repaso da Semana doRibeiro

Cabe lembrar que a D.O. Ribeiro, que estreou nesta edición nova imaxe coincidindo co seu décimo aniversario, iniciou en Ourense o seu itinerancia levando á cidade das Burgas diversas accións complementarias á tradicional gala coa que cada ano distingue os mellores viños da Denominación e recoñece o labor das persoas, entidades e lugares que fan da difusión do mundo do viño o seu sinal de identidade.

A gala reunía nesta ocasión a 350 persoas no Auditorio de Ourense, recuperando así a presencialidade entregando os seus correspondentes premios a Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Mediaset España; a enóloga Almudena Alberca, primeira muller Master of Wine española e directora técnica de Entrecanales Domecq e Hijos; a empresaria e colleiteira Xulia Bande; o xornal dixital Campo Galego; a película Cuñados, A Taberna (Ourense), La Vivariense (Viveiro) e Jaleo (A Coruña).

Ademais, na gala, conducida polo actor Federico Pérez e a xornalista Montse Estévez, fixéronse entrega dos galardóns aos mellores viños da D.O. Ribeiro, elixidos nunha cata a cegas por un xurado de expertos catadores composto por Alejandro Calleja, Antonio Santamaría, Luís Paadín, Maira Ratón, María Ferreiro, Maribel Gómez, Martín Ferreiro e Pablo Ibáñez, sendo Tinalla 2020, de Javier Estévez Abeledo; Eduardo Peña 2020, de Eduardo Rodríguez y Luz Cánovas; Priorato de Razamonde 2019, de Priorato de Razamonde, e Ramón do Casar Treixadura 2020, de Adega Ramón doCasar, os viños premiados.

Tamén tiveron unha gran acollida entre o público as catas guiadas celebradas durante a semana no Centro Cultural Marcos Valcárcel, impartidos por persoas de renome como Eduardo Camiña, gañador do Concurso Galego de Catadores 2019 e exsumiller de Mugaritz; o sumiller Jacobo Mojón, da vinoteca ourensá Sybaris 2.0., e a enóloga Master of Wine Almudena Alberca, así como o acto de presentación dos catro viños gañadores da cata oficial e que serviu de clausura ao programa, reunindo entre as catro citas a 290 persoas, que completaron os aforos previstos.

A Semana do Ribeiro incluíu así mesmo un Túnel do Viño, polo que pasaron 230 persoas, fundamentalmente profesionais da hostalería, restauración e distribución de Ourense, que gozaron dunha zona de cata libre para degustar 54 viños brancos e tintos de diferentes adegas e colleitas no Centro Cultural Ángel Valente.

O programa completouse cunha animación de rúa con teatralización de pasaxes históricas no mundo do viño da man da Asociación Cultural Platea Lúa, e unha acción coñecida como #peixesdoribeiro, a cargo do artista ourensán Atípico, mediante a que se entregaron numerosos obsequios, reunindo no acto de entrega de premios a 65 persoas.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button