ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Castro Caldelas, entre as 68 “Vilas máis bonitas de España”

Convértese na única localidade ourensá e nunha das dúas galegas que forman parte desta rede que promove a Asociación de Los Pueblos más Bonitos de España

A música tradicional dos Trabazos soaba na noite do 15 de xuño na praza do Prado de Castro Caldelas. “A rumba de Montealegre” abría un acto moi especial para esta localidade: a súa proclamación como unha das “Vilas máis bonitas de España”. Esta prestixiosa rede engloba a poboacións de menos de 15.000 habitantes baixo unha marca única de calidade, tal e como explicaba Francisco Mestre, presidente da Asociación de los Pueblos máis Bonitos de España, que iniciaba o turno de intervencións. Lembraba as orixes deste proxecto, nacido en Francia e cuxa idea se estendía a España no ano 2011, que actualmente engloba a 68 localidades, das que tan só dúas son galegas: Castro Caldelas, que vén de incorporarse, e Mondoñedo.

Mestre resaltaba a beleza paisaxística e natural de Castro Caldelas e o seu “espectacular patrimonio”. Comentaba o procedemento para poder entrar na rede e o que implica contar “con esta marca de calidade” tanto no ámbito da conservación como nos da proxección da súa imaxe exterior e dinamización turística. E incidía en que a idea é, a partir desta proclamación, que Castro Caldelas “siga traballando” nesa liña.

Pola súa banda, a alcaldesa caldelá, Sara Inés Vega, subliñaba que esta proclamación permitirá que “todo o mundo saiba que Castro Caldelas é unha das vilas máis bonitas de España, algo que nós xa sabiamos”. E explicaba os motivos deste recoñecemento comezando polo castelo medieval, o casco histórico cheo de casas blasonadas, mosteiros como o de Sampaio de Abeleda, as igrexas, tradicións como as do Irrio Peliqueiros ou os Fachós… Ademais, da paisaxe, gastronomía e viños desta terra. Expresaba o seu agradecemento ás persoas que traballaron para facer posible este recoñecemento: os traballadores do Concello, “cunha mención especial para Sonia e Roberto”, o grupo de goberno e “os meus veciños caldelaos” para os que pedía un aplauso. Ademais referíase á “boa acollida” que tivo Castro Caldelas dentro da Asociación Los Pueblos Más Bonitos de España.

Seguidamente tomaba a palabra o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen resaltaba que o papel dos veciños de Castro Caldelas que souberon “coidar á súa vila como ninguén, por iso isto é unha conquista de todos vos”. Finalmente, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, sinalaba que con esta acreditación Castro Caldelas “demostra o compromiso dos galegos coa conservación do patrimonio e da natureza e iso axúdanos a facer de Galicia un destino mellor. Agora vos sodes un exemplo para outras vilas galegas”.

O acto, presentado pola caldelá Lucía Rodríguez, incluía ademais a actuación musical do tenor Bernardino Atienza, que estivo acompañado pola voz dunha soprano e polo piano na interpretación de pezas de óperas de Puccini e tamén obras de zarzuela. De seguido, soaba a Real Banda de gaitas de Deputación de Ourense. O acto contaba coa presenza de numeroso público entre o que estaban autoridades como o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, así como alcaldes de concellos como A Pobra de Trives e A Teixeira, ou a alcaldesa de Parada de Sil, entre outros.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button