
Neste 10 de marzo celebrábase o Día do Galego no Bierzo, no marco do protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Goberno castelán-leonés para potenciar os estudos da cultura e lingua galegas nos territorios limítrofes como son o Bierzo e Sanabria. O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participaba en diversos actos incluídos nesta programación.
Así, acudía ás XVII Xornadas Martín Sarmiento en Vilafranca e compartiu co alumnado dos centros docentes da vila berciana de Cacabelos a entrega do Premio Morales centrado no poema O Entroido.

O programa destas xornadas incluía o acto de irmandamento entre Antonio Fernánde Morales e Rosalía de Castro, onte 9 de marzo.
Tal e como lembrou, estes eventos dan conta do traballo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a prol da proxección exterior da lingua galega, un dos puntos recollidos para a renovación do Plan xeral de normalización que está en proceso ao abeiro do Pacto pola Lingua.
Neste senso, cómpre destacar que este ano participan nos cursos de galego que se imparten no Bierzo e en Sanabria 1.166 alumnos, repartidos en 14 centros de Educación Infantil e Primaria, catro Institutos de Secundaria e unha Escola de Idiomas.