
“Durante os anos 2024 e 2025, as empresas e transportistas que operan en Valdeorras e no conxunto da provincia sufriron innumerables cortes, desvíos e restricións de tráfico na contorna do viaduto, incidencias que afectaron de maneira directa á actividade económica e que finalmente conduciron á decisión final de construír un novo viaduto por parte do Ministerio. Esta situación xerou atrasos, sobrecustos e unha notable perda de eficiencia loxística, especialmente en sectores altamente dependentes da mobilidade viaria”. Así o aseguran a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) nun comunicado conxunto no que amosan a súa posición “ante o anuncio do Ministerio de Transportes e Mobilidad Sostible sobre a aprobación provisional do proxecto de trazado para a construción do novo viaduto de Tremor na autovía A‑6”.
A comarca de Valdeorras, din estas organizacións empresariais, constitúe un enclave produtivo “de primeira orde, con sectores industriais, extractivos, loxísticos e de servizos que dependen de forma crítica dunha rede viaria segura, moderna e plenamente operativa. Por iso, consideramos que o novo viaduto de Tremor non é simplemente unha obra máis dentro da planificación estatal: é unha infraestrutura estratéxica, cuxa execución rápida e eficaz resulta imprescindible para garantir a competitividade e a continuidade da actividade económica no noso territorio”.
As empresas de Valdeorras, proseguen as asociacións, levan anos “soportando unha acumulación de incidencias que condicionan gravemente a súa día a día. A deterioración progresiva da N‑120, con tramos que presentan un estado claramente insuficiente para o volume de tráfico que soportan, xera atrasos, sobrecustos e riscos constantes. A iso súmanse os atrasos acumulados no desenvolvemento da A‑76, unha autovía longamente prometida e cuxa ausencia continúa limitando a capacidade loxística da comarca e a súa conexión cos principais corredores de transporte”.
Neste contexto, “as empresas da zona non poden nin deben asumir unha nova incerteza ou un novo foco de afección prolongada. A substitución do viaduto actual por dúas novas estruturas é unha actuación necesaria e positiva, pero debe executarse coa máxima celeridade e cunha planificación rigorosa que minimice calquera impacto adicional sobre o tráfico e a actividade económica. Valoramos que o Ministerio iniciase os trámites de información pública e expropiación, así como o deseño técnico exposto, que permitirá reducir a afección ao tráfico e mellorar as condicións de seguridade viaria. Con todo, insistimos en que todas as fases do proxecto —administrativas, técnicas e construtivas— deben impulsarse con carácter prioritario, evitando demoras que agraven a xa delicada situación de mobilidade que sofre Valdeorras”, aseguran a CEO e AEVA.
Ademais ambas reiteran a súa “plena disposición a colaborar coas administracións competentes e a manter un diálogo construtivo que contribúa a que esta infraestrutura avance coa dilixencia, o compromiso e a responsabilidade que o territorio necesita. A comarca non pode permitirse máis atrasos nin máis obstáculos na súa conectividade. A economía de Valdeorras, as súas empresas e os seus traballadores requiren solucións áxiles e efectivas”.