EconomíaEconomíaÚltima hora

CEO e Deputación porán en marcha un programa de reinserción laboral

Dará continuidade ao xa celebrado Reactiva Mulleres, nesta ocasión para poboación de ambos os sexos e maiores de 45 anos

Imaxe da reunión entre a presidenta da CEO e o presidente da Deputación de Ourense.

 

Marisol Nóvoa e Manuel Baltar, presidentes da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e da Deputación, mantiñan esta mañá un encontro para repasar as liñas de cooperación abertas entre ambas as entidades e explorar novas colaboracións e proxectos, como o programa de reinserción laboral Reactiva, destinado a poboación maior de 45 anos en desemprego e que se poñerá en marcha a partir do próximo mes de maio.

Marisol Nóvoa destacou a importancia destas reunións para realizar “un seguimento de todos os proxectos que temos en marcha co apoio da Deputación, como a internacionalización das empresas ourensás a través de ExportOU ou a promoción de sectores estratéxicos como o vitivinícola”, aos que agora se suma este programa Reactiva de reinserción laboral para persoas maiores de 45 anos.

Manuel Baltar, pola súa banda, resaltou que é esencial a colaboración público privada e sobre todo con “unha organización como a CEO que a través dos seus proxectos e persoas dinamiza a provincia xerando emprego e riqueza”.

Ademais, Baltar anunciou que a Deputación “vaise sumar a este campo de traballo cunha axuda de 45.000 euros que quedará reflectida na modificación de créditos que se presentará ao pleno de abril. Un apoio máis á CEO dentro desa alianza que mantemos en proxectos clave como as axudas á internacionalización ou para a promoción de sectores económicos importantes para a provincia como o vitivinícola”.

Para unha administración que opera no territorio como é a Deputación, destacou Manuel Baltar, “é esencial cooperar cunha organización que a través dos seus proxectos e persoas dinamiza a provincia xerando emprego e riqueza”. Baltar puxo de relevo a importancia da colaboración público-privada, que neste caso non só se cingue ao ámbito económico, “como así o demostra a entrada da CEO na organización da Mobile Week ou de calquera outra actividade que teña que ver coa visibilidade da provincia”.

Artigos relacionados

Back to top button