Chandrexa de QueixaConcellosÚltima hora

Chandrexa acorda en pleno solicitar a declaración de “zona castastrófica” para o municipio

Imaxe do incendio en Chandrexa de Queixa./ Cedida.

 

A Corporación municipal de Chandrexa de Queixa vén de aprobar, por unanimidade, en pleno solicitar ao Goberno Central que o Consello de Ministros declare a este municipio como “zona catastrófica” ou “zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil”. Á vista dos tráxicos sucesos acontecidos, derivados do incendio forestal que se iniciou neste municipio o día 8 de agosto de 2025, “que afectou inicialmente á aldea de Requeixo, e que durante os seguintes días foi afectando a outras aldeas do municipio, en concreto: Forcadas, Zamorela, Parafita, Casteligo, Chao, Paradaseca, Vilar, Espasa, Senra e Taboazas, que calcinou máis de 16.000 hectáreas no noso concello, e que foi escalando ata converterse nunha auténtica emerxencia sen precedentes en Galicia”.

O Concello explica que o lume provocou serias consecuencias ambientais e humanas, despregando un operativo masivo de emerxencia. “A data de hoxe, 22 de agosto de 2025, continúa activo e clasificado en Situación 2 polo seu perigo. Esta catástrofe medioambiental é a máis grave que ten sufrido o noso municipio na súa historia reciente. As consecuencias económicas para o sector primario, clave neste concello, son aínda incalculables. Ademais do colapso dunha vivenda, e numerosos peches, provocou o perecemento de varios animais e a falta de abastecemento para alimentar o gando, sendo preciso conseguir a declaración de zona catastrófica, para poder obter axudas da Comunidade Aútónoma e do Estado, ca intención de paliar na medida do posible, os danos sufridos pola poboación. Por elo, precisamos de todos os mecanismos que se poidan articular desde todas as administracións para axudar a que Chandrexa de Queixa se recupere desta desgraza de inmensas proporcións. As axudas ao rural son hoxe máis necesarias que nunca para contribuir a aliviar esta situación catastrófica e dramática para o noso pobo”.

Nese senso, saían adiante por unanimidade da Corporación de Chandrexa os seguintes acordos:

“Primeiro. Aprobar solicitar o Goberno Central que o Consello de Ministros declare o Concello de Chandrexa de Queixa “zona catastrófica” ou “zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil”, de conformidade co establecido no artigo 23 da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema Nacional de Protección Civil, a fin de que poida optar a todas as medidas establecidas no artigo 24.1 da referida Lei, que aprobe o Consello de Ministros.

Segundo. Trasladar o acordo a Comunidade Autónoma de Galicia a fin de que remita a solicitude ao Goberno de España.

Terceiro: Solicitar a Xunta de Galicia que se consideren como superficies admisibles as superficies queimadas para as distintas liñas da PAC ou ben que se traslade dita petición ás administracións competentes; que se permita o pastoreo mediante autorización expresa nas zonas ardidas e que se dispoñan os medios necesarios para a reparación dos danos ocasionados.

Cuarto: Solicitar á Confederación Hidrográfica que permita a recollida de auga para poder abastecer ós animais das explotacións afectadas polos incendios, exenta das taxas pertinentes debido á excepcionalidade da situación no noso concello”.

Back to top button