
Ao iniciar no 2010 unha serie de gravacións para un traballo de investigación lingüística, dirixido por Francisco Fernández Rei, o filólogo José Manuel Dopazo Entenza topábase co singular Entroido da Illa de Ons, que se perdía alá polo ano 1975. E, pouco a pouco, foi iniciando unha investigación e descubrindo as súas figuras centrais e algúns dos seus rituais.
“Decateime de que tiña moito material sobre o Entroido da Illa de Ons”, indica, “pero o detonante final de iniciar este estudo foi unha encarga que me fixeron cando estaba traballando no Instituto da Lingua Galega, no proxecto Corilga. Pedíronme que transcribira unhas gravacións dos anos 60 de Gustav Henningsen sobre a illa. Nunha delas, descubrín que, en apenas un minuto, un home dicía que de neno contábanlle que polo Entroido levaban un boneco enriba dunha ovella. Era un dato do que non tiña constancia. E decidín tirar do fío”, tal e como comentaba Dopazo nunha entrevista concedida ao Periódico O SIL e publicada na revista “Entroido en Galicia” do ao 2024.
Son xa 5 anos de investigación, principalmente falando cos maiores, tratando de descubrir como era a festa en Ons, illa que quedaba baleira no século XVII polo asedio dos piratas e que volvía poboarse a partir do século XIX, tras a guerra contra os franceses, con xente procedente, principalmente, da parte do Morrazo.
Agora estanse dando pasos de cara á recuperación deste Entroido. E, nese marco, Dopazo compartirá os resultados da súa investigación nunha charla-coloquio prevista para o vindeiro 25 de xaneiro ás 12h. no Centro Social do Mar en Bueu. O seu relatorio levará por título “Coma na Illa en ninkún lado. Recuperación do Entroido na Illa de Ons”.