
No mencer do 21 de xaneiro de 1939, nun tiroteo nas proximidades dunha casa de Casaio (Carballeda de Valdeorras) morre un garda civil a mans dun grupo de guerrilleiros antifranquistas. Este suceso provoca a fuxida da filla do propietario desa da casa Manuela Valle, cara a Ciudad de la Selva, os campamentos da guerrilla nos montes de Casaio, onde permanecerá cinco meses.
Este feito era absolutamente descoñecido pola súa familia ata agora. Nárrase no libro que un dos seus bisnetos, o historiador e xornalista Christian Barrio Fernández vén de publicar baixo o título “Manuela. Historia de una huida hacia los montes de Casaio” e que presentará o vindeiro 23 de novembro ás 20h. no salón de actos da Casa Grande de Viloira (O Barco), nun acto organizado polo IEV.
Ademais do autor, na presentación tamén intervirán o rues Felipe Rodríguez, que escribe o epílogo da obra e que é o director do documental “Lobos sucios”, que recolle, entre outros testemuños, o de Manuela Valle. Tamén falarán o presidente do IEV, Aurelio Blanco, e o historiador Alejandro Rodríguez.

Este é o segundo libro deste investigador barquense tras “José Barrio, el último guardia de Valborraz”, no que retrataba a vida do seu avó, e a súa vinculación coas minas de volframio de Casaio.